O verán despídese con ambiente de outono
A mañá deste venres apareceu con ambiente, aquí vemos Santiago ás nove, máis propio da estación que empeza o luns e as pespectivas para os outros dous días que quedan de verán seguen esa liña.
Ana Lage, meteoróloga de MeteoGalicia: "Un aumento de nubes xa no día de mañá, ceo cuberto, precipitacións que empezarán polo litoral atlántico e que se irán estendendo progresivamente ao resto de Galicia e ademais teremos unha baixada, tamén moi significativa, das temperaturas.
De feito, entre o día de onte e o domingo pode haber variacións de máis de dez graos nas temperaturas".
Coa fin de semana chega a fin dun verán que xa arrincou en plan fresco. Lage di que o verán "comezou cun mes de xuño moi frío. Foi o máis frío desde o ano 1997. Continuou cun xullo en que as temperaturas se recuperaron algo, pero a anomalía de xuño era moi forte. Tamén houbo certa recuperación en agosto".
E como adoita ser habitual ao opinar sobre o tempo, neste caso do verán, as avaliacións populares son diversas:
"Este verán foi algo fresquiño. Non tivemos tanta calor coma outros anos", di unha vendedora de mercado e outro afirma: "Este verán foi raro. De habitual, nada. Días de calor e pola noite facía falta o abrigo. Foi moi raro en xeral".
"A min pareceume estupendo o verán que tivemos en Galicia".
Unha viandante considera que este verán "non choveu moito. Non foi o verán típico desta terra. Faltou un pouco de choiva e esas cousas".
A este verán, astronomicamente falando, quédalle pouco máis da fin de semana. Exactamente ata o luns ás dez menos dez.