CRTVG

Buscar

O vento supera os 100 km/h en Galicia e obriga a pechar os parques en Lugo e Santiago

Publicado o 26/11/2019 19:41

• Cortado o tráfico durante a preamar na autovía de Marín

A Coruña rexistrou o groso dos incidentes relacionados co episodio de vento e choiva que este martes afectou a comunidade galega, pois das case 200 intervencións contabilizadas polo 112 Galicia ata este momento preto da metade localizáronse nesta provincia. A maioría das incidencias son árbores e pólas caídas e obxectos a piques de desprenderse, que necesitaron do traballo dos equipos de emerxencias. Con todo, ningún dos incidentes anotados no 112 Galicia dentro deste contexto revestiu gravidade, máis aló das dificultades creadas por diversos obstáculos que, por causa do vento, puideron irromper nas vías.

O forte vento rexistrado en Galicia na xornada deste martes xa superou os 136 quilómetros por hora en Punta do Galo, no municipio lucense de Vieiro. Ademais, a estación de Xesteiras, en Cuntis (Pontevedra) rexistrou a primeira hora da tarde refachos de 116,9 quilómetros por hora. Uns valores moi similares aos que se marcaron na Pontenova (Lugo), onde o vento chegou aos 116 quilómetros por hora.

O forte vento tamén obrigou a desviar a Asturias un voo procedente de Palma de Mallorca que tiña previsto aterrar en Santiago de Compostela. Segundo informaron fontes de Aena, o voo tiña prevista a súa chegada ás 15,15 horas ao aeroporto de Lavacolla. 

Para este martes está activado o aviso laranxa por vento do suroeste que pode alcanzar os 100 quilómetros por hora e que afectarán o interior da Coruña, Pontevedra e Lugo, e tamén A Mariña e nas zonas de montaña da provincia lucense. Ademais, permanece activada a alerta laranxa por temporal costeiro.

O episodio meteorolóxico adverso rexistrado no litoral obrigou este martes a cortar ao tráfico durante a preamar a autovía de Marín. A Garda Civil de Pontevedra informou de que o tráfico xa foi aberto para os camiños nesta zona.

Esta alerta motivou que varios concellos decretaran o peche dos seus parques e pavillóns. Este é o caso do Consistorio de Santiago que pechou todos os espazos verdes, así como as actividades dos campos de fútbol municipais e das pistas de atletismo do Estadio Verónica Boquete de San Lázaro. 

A mesma medida foi adoptada polo Concello de Lugo que informou do peche de todos os parques da cidade, entre eles os de Rosalía de Castro e Frigsa.

Aviso laranxa por mar de fondo e fortes ventos

A maior parte da frota pesqueira permaneceu amarrada a porto en toda Galicia. Pero nalgúns lugares puideron saír unhas horas ao abrigo das rías. Noutros lugares, aparentemente máis perigosos como Malpica a frota de baixura foi quen de saír pescar unhas hora nunha zona abrigada.

Mentres uns saen buscar o sustento outros aproveitan para pasear a pesar das inclemencias meteorolóxicas.

O aviso laranxa no mar emítese cando hai risco para os mariñeiros pero tamén para calquera que se achegue a praias e rompentes. Desta volta esa situación abrangue todo o litoral do país, desde A Guarda ata Ribadeo. O temporal comezou a recruar a primeira hora da tarde. Na Coruña bombeiros e Protección Civil pecharon os accesos ás praias e zonas rochosas. O aviso amarelo vaise manter ata primeiras horas do mércores. Despois baixará a amarelo e así vai continuar na maior parte da costa polo menos ata a madrugada do xoves.

Caeron ata 40 litros por metro cadrado 

Tamén estamos en aviso amarelo por precipitacións que poden acumular ata 40 litros por metro cadrado. Durante esta tarde acumuláronse máis de 30 litros por metro cadrado en Santiago, Forcarei ou Friol. Todos os rexistros son da zona centro de Galicia. En Lousame, máis cara á costa caeron ata 27 litros por metro cadrado. Onde máis choveu esta tarde foi no aeroporto da Lavacolla, ata 40 litros por metro cadrado case o que estaba previsto.

A peor parte do temporal, na provincia da Coruña

A provincia da Coruña levou a peor parte do forte vento que soprou toda a tarde. As vilas coruñesas rexistraron a maioría das máis de 100 incidencias que o forte aire provocou por case toda Galicia. Con todo, os refachos máis fortes producíronse en Viveiro onde o vento chegou aos 136 quilómetros por hora. Xa máis lonxe da costa, Cuntis e A Pontenova tamén padeceron ventos por riba dos 100 quilómetros hora. Os centros de ensino non tiveron actividades ao aire libre nin tampouco a maioría de espazos deportivos descubertos. Os veciños xa están cansos dos sucesivos temporais pero entenden as medidas de precaución.

Dende Protección Civil lembran que o vento pode causar caída de pólas e árbores, desprazamentos do mobiliario urbano, desprendementos en exteriores de vivendas ou inestabilidade na condución. Por iso, recomendan non saír da casa mentres duren os refachos e extremar a precaución tanto se hai que saír a pé como se é preciso coller o coche.


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí