CRTVG

Buscar

Activado o aviso laranxa por vento forte e ondas de ata 8 metros de altura

Publicado o 14/01/2020 08:00

• A Xunta aconsella suspender as actividades no exterior de centros educativos e as actividades pesqueiras, marisqueiras e deportivas

O vento alcanzou na tarde deste luns os 120 quilómetros por hora na localidade costeira de Viveiro (Lugo) e na Coruña superaron os 100 km/h.  

A Xunta activou a alerta de nivel laranxa por temporal en zonas costeiras de todo o litoral galego, con previsión de fortes ventos de madrugada en zonas das provincias da Coruña e Lugo. A alerta baséase nos prognósticos da axencia meteorolóxica pública Aemet sobre un temporal de ondada e vento que comezará polo noroeste e oeste da provincia da Coruña á noitiña e estenderase de madrugada á costa de Lugo e Pontevedra. No mar, Aemet prognostica mar combinado do sur, con ondas de ata 6 ou 7 metros de altura. No noroeste e sueste da Coruña, con vento do sur ou do suroeste de ata forza 8.

A Xunta, ademais de poñer en alerta as autoridades e os equipos de emerxencias, exhortou a suspender as actividades no exterior de centros educativos expostos ao temporal e as extraescolares e convida á poboación para tomar medidas preventivas.

Nese sentido, aconsella suspender as actividades pesqueiras e marisqueiras nas áreas "máis perigosas" e recomenda evitar as de carácter deportivo marítimas.