CRTVG

Buscar

O velocista coruñés Mauro Triana comeza a temporada nas súas mellores marcas

Publicado o 24/01/2019 21:17

Non puido empezar mellor a temporada para Mauro Triana, o mellor velocista galego do momento. Gañou a proba de 200 metros do campionato galego cunha marca moi próxima ao seu récord. Dentro de tres semanas chegaralle o primeiro reto da temporada: o campionato de España.

Se as lesións o respectan este ano, Mauro Triana, o galego máis rápido da historia, seguirá limando décimas os seus récords de 100 e 200 metros. Esta fin de semana fixo a segunda mellor marca galega da historia en 200 en pista cuberta, a tres centésimas do seu récord galego.

Mauro Triana Recordman galego de 100 e 200 metros: "Dende agosto estamos facendo preventivos e adaptando o corpo á carga que viría máis adiante. Esta carga foi moi intensa os últimos meses do ano e os primeiros da pretemporada. Segundo os resultados estamos converténdoa en velocidade".

O coruñés, de 23 anos, coincide coa mellor xeración de velocistas españois da historia. É todo un reto entrar na selección.

 Mauro Triana Recordman galego de 100 e 200 metros: "En canto a convocatorias coa selección é máis complicado, loxicamente, pero á hora de adestrarse e de competir, fai as competicións moito máis bonitas. Os adestramentos son difíciles con este tempo que temos agora aquí, pero tes máis motivación por ter que pelexar con toda esa xente de altísimo nivel".

Mauro é o único atleta galego que conseguiu baixar dos 21 segundos nos 200 metros ao aire libre.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/01/2019