CRTVG

Buscar

O vehículo adaptado dun veciño de Lugo é pioneiro no ámbito estatal

Publicado o 05/02/2020 20:01

Este vehículo adaptado é o primeiro das súas características en todo o ámbito estatal. Permítelle ao seu propietario, un veciño de Lugo con esclerose múltiple, poder conducir sen necesidade da axuda de ninguén. O furgón conta cunha rampla que o eleva ata o interior nunha cadeira rotatoria coa que pode incorporarse ao asento do condutor, tamén rotatorio.

Alfonso Gandoy, propietario do vehículo adaptado: "Tes a vantaxe de que non dependes dunha praza de aparcadoiro para persoas con diversidade funcional. Sempre que haxa unha beirarrúa, podes facer uso deste vehículo. A maiores, eu son autónomo, pois non dependo doutra persoa. Coa miña cadeira, entro no furgón, accedo ao volante e podo conducir".

O vehículo foi adaptado por unha empresa carroceira de Madrid coas indicacións do fabricante. O seu propietario, que nos últimos anos vira reducida a súa autonomía, asegura que lle cambiou a vida.

Alfonso Gandoy, propietario do vehículo adaptado: "Podo saír de viaxe, podo saír para tomar algo cos amigos, podo ir ao hospital facer as miñas probas, podo ir a centros de arte... Podo ir a calquera sitio sen depender dunha persoa que me leve".

Neste vehículo pioneiro, o seu dono tivo que investir uns 50.000 euros, dos que 15.000 foron destinados ás adaptacións que precisaba para recuperar a súa independencia ao volante.

Noticias web

05/02/2020