CRTVG

Buscar

O Vaticano desautoriza o nuncio que acusou o Goberno de "resucitar a Franco"

Publicado o 18/07/2019 11:01
O Vaticano desautoriza o nuncio que acusou o Goberno de "resucitar a Franco"

O director interino da Santa Sé, Alessandro Gisotti, precisou que as declaracións do ex-nuncio en España, Monseñor Renzo Fratini, sobre a exhumación de Franco "foron expresadas a título persoal".

"Con motivo da saída definitiva de España de monseñor Renzo Fratini, tras a conclusión do seu mandato, subliñamos que as súas recentes declaracións sobre o tema da exhumación dos restos mortais de Francisco Franco foron expresadas a título persoal", aclarou Gisotti.

O Vaticano tamén precisou que Frattini, a través da prensa, indicou que a súa intención non era meterse en cuestións políticas internas.

Con todo, Gisotti non revelou se contestaron á queixa formal formulada polo Goberno de España despois de que Fratini acusara nunha entrevista con Europa Press de "resucitar a Franco" coa súa intención de exhumar os restos do ditador do Val dos Caídos.

"Sinceramente, hai tantos problemas no mundo e en España. Por que resucitalo? Eu digo que resucitaron a Franco. Deixalo en paz era mellor, a maioría da xente, dos políticos, ten esta idea porque pasaron 40 anos da morte, fixo o que fixo, Deus xulgará. Non axuda a vivir mellor lembrar algo que provocou unha guerra civil", afirmou Renzo Fratini na citada entrevista.

O Vaticano tamén deixou clara a súa posición de pleno respecto da soberanía do Estado español: "Volvemos reiterar que a posición da Santa Sé sobre o tema da exhumación de Franco é clara e foi xa expresada oficialmente na carta que o Secretario de Estado, Pietro Parolin, enviou o pasado mes de febreiro á vicepresidenta do goberno español, Carmen Calvo, e ulteriormente reafirmada polo secretario xeral da Conferencia Episcopal Española", concluíu Gisotti.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí