CRTVG

Buscar

O uso de máscaras aumenta os casos de sequidade ocular, conxuntivite e orzóns

Publicado o 06/07/2020 18:21

Os que levan lentes sábeno ben. O uso da máscara fai que suba o aire do alento, o responsable de que se abafen os cristais. E ese aire é o que pode causar irritación e outros danos nos ollos aos que levan lentes e aos que non.

José Fandiño, oftalmólogo: "Hai moito máis problema de sequidade ocular. O ollo, ao resecarse, perde capacidade de combater os xermes e aparece máis conxuntivite. Hai un ambiente moito máis quente. O bordo das pálpebras está máis irritado. Hai unha auténtica, non digo epidemia, pero si que nos sorprende a enorme cantidade de orzóns que hai cando habitualmente non se ven"

Para minimizar os danos, recomendan axustar ben o arame da máscara no nariz e non arrimala demasiado aos ollos. Tamén é bo utilizar lágrimas artificiais.

José Fandiño, oftalmólogo: "Cando digo lubricar cunha lágrima artificial, non é lubricar con soro fisiolóxico, porque iso aínda os seca máis. Desengraxar o bordo das pálpebras, hai un montón de toalliñas para a súa limpeza, e ter coidado coas maquillaxes"

Á marxe disto, lembran que tamén hai que ter coidado coas solucións de hidroalcol e insisten na importancia de non tocar os ollos porque a mucosa ocular é unha vía de contaxio do coronavirus.

Noticias web

06/07/2020