CRTVG

Buscar

As máscaras, obrigatorias na rúa e espazos públicos se non hai distancia mínima

Publicado o 19/05/2020 11:29

• Os tramos horarios de saída na fase 2 serán regulados polas comunidades autónomas

• O Ministerio de Sanidade distribuirá máis luvas e máscaras

O uso de máscaras será obrigatorio tamén na vía pública e en espazos pechados cando non se poida garantir o cumprimento da distancia mínima de seguridade entre persoas, fixada en dous metros, ademais de cando se viaxe en transporte público.

Así o acordaron este luns o Goberno e as Comunidades Autónomas durante a reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (SMS). Desta forma, ao uso xa obrigatorio no transporte público seu sumará agora a utilización obrigatoria en espazos pechados e na vía pública se non é posible garantir a distancia mínima de seguridade de dous metros.

O departamento dirixido por Salvador Illa indicou que o uso das máscaras quedará regulado nunha Orde ministerial que se publicará nos próximos días. Durante a reunión, ademais, informouse do novo sistema de comunicación de datos entre as Comunidades Autónomas e o Ministerio de Sanidade, que agora se fará pola tarde.

O ministro anunciou o envío de luvas e de máscaras a todas as comunidades e anticipou que se dará autonomía para o detalle de certas actividades dentro da fase 2, en concreto ao referido ás visitas aos centros de persoas maiores.

Esta inminente obriga que se vai concretar nos vindeiros días, levou a OCU a solicitarlle o Ministerio de Consumo que se regulen os prezos máximos de todo tipo de máscaras, axudas para os usuarios máis vulnerables e o abastecemento as farmacias de máscaras cirúrxicas para os cativos.

No referente aos tramos horarios, na seguinte fase na que desaparecen os tramos horarios, será a Comunidade a que propoñerá que se respecte especificamente o que está establecido para persoas maiores e con discapacidade.

O número máximo de persoas autorizadas en actos culturais ao aire libre quedará fixado por saúde pública da Comunidade. Ademais, o Goberno murciano solicitou pautas para praias, e o Ministerio especificou que se abordará en reunións bilaterais.