O ultradereitista Jair Bolsonaro toma posesión da presidencia do Brasil
Unha multitude acompañou a Bolsonaro polas rúas de Brasilia camiño da súa toma de posesión como presidente. A bordo dun Rolls Royce, con chaleco antibalas e protexido por 12.000 policías e militares fixo, xunto á súa esposa, o percorrido entre a catedral e o Congreso.
Tras trece anos de gobernos de esquerda un ex-militar de ultradereita toma as rendas da gran potencia latinoamericana. Agradeceulles a Deus e aos médicos estar vivo tras o atentado que sufriu na campaña electoral e prometeu acatar a Constitución do Brasil.
No seu discurso evitou os comentarios racistas ou machistas que o caracterizan, pero chamou a liberar o país do xugo ideolóxico en que incluíu o que define como ideoloxía de xénero. Tamén deixou clara a súa aposta por reducir a criminalidade dándolles máis marxe de actuación a policías e militares. Tamén polo dereito dos cidadáns a levar armas para defenderse. Prometeu acabar coa corrupción e facer reformas estructurais. Donald Trump non asistiu á cerimonia pero Bolsonaro fixo seu o lema de quen é o seu ídolo político.