CRTVG

Buscar

O último amigo de Diana que falou con ela por WhatsApp: "Noteina con medo"

Publicado o 14/11/2019 11:13

A reconstrución dos últimos pasos de Diana Quer, e das circunstancias daquela tráxica madrugada do 22 de agosto de 2016, centraron a terceira sesión do xuízo contra José Enrique Abuín Gey.

O momento exacto en que o Chicle abordou a Diana Quer, que se saiba, non o presenciou ninguén máis, así que as testemuñas que hoxe prestaron declaración fixérono sobre os momentos previos e sobre as circunstancias do día e do lugar dos feitos. Unha amiga que estivo con Diana ata que se despediu coa intención de marchar para a casa contou, por videoconferencia, cando a viu por última vez: "No momento de despedirnos, estabamos falando cun mozo, ela dixo que estaba quedando sen batería, que estaba cansa, e que marchaba para casa. Deixei de vela nos límites do parque".

Tamén por videonconferencia desde Madrid, declarou a última persoa coa que mensaxeou Diana. Jorge G. G., o amigo que Diana Quer co que mantivo esa conversa antes de desaparecer, asegurou este xoves que a notou con "medo" cando lle escribiu que se estaba "acolloando" porque un "xitano" estaba a chamala, pero non creu que puidese pasar algo grave.

Esta testemuña declarou desde Madrid por videoconferencia. Compañeiro de clase de Diana, dixo que antes de que Diana saíse á festa da Pobra de Caramiñal (A Coruña), onde desapareceu a moza, estivo a intercambiar mensaxes con ela porque ambos suspenderan a mesma materia.

Ao redor das dúas da madrugada do 22 de agosto de 2016, Diana mandoulle unha mensaxe que poñía: "Estou a acolloarme, un xitano está a chamarme".

"Que che di?", preguntoulle Jorge polo WhatsApp. "Morena, ven aquí", respondeulle Diana. O seu amigo volveu escribir outra mensaxe, pero a moza xa non o recibiu, xa que non deu un dobre clic.

Diana comentáralle que apenas tiña batería, polo que o seu amigo pensou que o teléfono móbil xa se apagara.

A testemuña relatou que, aínda que a notou con medo, non pensou que puidese pasarlle algo grave. Creu que quen chamou a Diana sería "o típico mozo con dúas copas que lle di unha bobada".

"Noteina con medo, pero nunca pensei que fose pasar o que pasou. Diana estaba sen batería, non lle dei máis importancia. Sería o típico mozo que se cruzou, díxolle calquera cousa e asustouse", insistiu.

Ao día seguinte, Jorge envioulle a Diana unha mensaxe para darlle os bos días, pero tampouco o recibiu.

A testemuña púxose en contacto cunha amiga común e así se decatou da desaparición da súa compañeira de clase. Jorge entregoulle á Garda Civil o seu móbil.

Tamén declarou por videoconferencia unha amiga de Diana, Nerea E. G., unha das últimas persoas que viu con vida a vítima.

Nerea E. G. estaba con Diana e un amigo no parque da Pobra de Caramiñal sobre as 2.20 horas do 22 de agosto. A vítima dixo que estaba quedando sen batería, que estaba cansada e que ía andando para a casa. Vestía un pantalón curto branco, unha camiseta branca e cazadora vaqueira.

Como tiña frío, Nerea deixáralle un xersei gris escuro para que o puxese debaixo da cazadora. Cando Diana marchou, deulle a cazadora á súa amiga, relatou a testemuña.

Deixou de vela ata que Diana traspasou os límites do parque, dixo a testemuña, que non puido detallar se a vítima adoitaba ir soa á súa casa porque tampouco tivo relación con ela.

Precisou tamén que dúas noites antes viron a Diana ao redor das 4,30 subir soa a costa que leva ata a súa casa, camiñando e mirando o móbil, e os seus amigos levárona en coche.

A testemuña manifestou que Diana era unha adolescente de 18 anos, como ela entón, e como a todas as mulleres nesta época, "co que está a pasar, dános medo saír soas á rúa, pero é o que nos toca".

O teléfono de Diana apareceu dous meses despois, baixo a ponte de Taragoña. Hoxe declarou o mariscador que o atopou: "Recordo que a pantalla estaba como laminada, rota, e na parte superior tiña un golpe".

Tamén declararon hoxe os feirantes que tiñan vehículos estacionados na rúa Venecia, onde o Chicle di que foi roubar gasóleo e nas inmediacións de onde supostamente abordou a Diana, segundo el mesmo escenificou durante a reconstrución dos feitos. Segundo declararon hoxe, ningún dos feirantes escoitou nada. Tampouco lles faltou gasóleo.

Mañá é a quenda de varios axentes que interviñeron na investigación e dos mergulladores que rescataron o corpo de Diana.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí