CRTVG

Buscar

O turismo internacional cae un 83 % en maio respecto ao mesmo mes da prepandemia

Publicado o 02/07/2021 10:19
O turismo internacional cae un 83 % en maio respecto ao mesmo mes da prepandemia

España recibiu en maio pasado 1,4 millóns de turistas internacionais, un 83,5 % menos que nese mesmo mes de 2019, antes da pandemia, e o gasto que fixeron baixou un 82,9 %, ata 1.392 millóns de euros.

A comparación con maio de 2020 non procede porque aquel mes non houbo entradas de turistas dado que o país, e practicamente todo o mundo, estivo pechado pola crise do coronavirus.

Segundo as enquisas de entradas de turistas internacionais (Frontur) e do gasto que fixeron (Egatur) publicadas este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE), entre xaneiro e maio de 2021 o número de turistas que visitaron España baixou o 69,7 %, ata 3,2 millóns, fronte aos 10,6 millóns neses meses de 2020 e aos 29,3 millóns do 2019.

O gasto que deixaron en España nos cinco primeiros meses do ano situouse en 3.349 millóns, fronte a 30.500 millóns en 2019 e a 11.700 millóns en 2020.

Países de procedencia

Alemaña foi o principal país emisor, con 338.408 turistas, un 24,8 % do total, seguido de Francia e Países Baixos, con 330.656 e 72.135 persoas, respectivamente. O Reino Unido, tradicionalmente o primeiro emisor de turistas a España, sitúase en oitava posición, con apenas 51.150.

No acumulado do ano, o principal emisor foi, como vén ocorrendo en toda a pandemia, Francia (con 749.065 turistas e un descenso do 44,9 % respecto ao mesmo período de 2020), Alemaña (con 669.647 e unha baixada do 48,5 %) e resto de Europa (con 426.422 visitantes, un 52,6 % menos).

Principais destinos

A comunidade autónoma de destino principal foi Baleares, que captou o 27,9 % do turismo que chegou en maio: 380.882, sobre todo de Alemaña (232,279) e Francia (37.6262).

Séguelle Cataluña, que recibiu 251.546 visitantes (117.417 procedentes de Francia e 39.792 do agregado de resto de Europa). Andalucía é a terceira comunidade de destino, con 166.330, maioritariamente de Francia e Alemaña.

Nos cinco primeiros meses de 2021 a comunidade que máis turistas recibiu foi Baleares, con 599.531, e un aumento do 48 %, de xeito que é a única entre as grandes receptoras que mellora os seus números respecto a 2020.

A segunda comunidade que máis turistas recibiu nos cinco primeiros meses foi Cataluña (con 570.844 e unha baixada do 74,5 %) e Canarias (con 532.252, un 80,5 % menos).

Entraron, sobre todo, polos aeroportos (976.018); por estrada chegaron 372.788; por ferrocarril, 9.280, e polos portos, 5.539.

Tipo de aloxamento

O aloxamento de mercado é o xeito principal en maio, con máis dun millón de turistas. A maioría pasou as vacacións en hoteis (794.960), mentres que outros 163.618 o fixeron en vivendas alugadas.

Os aloxamentos de non mercado deron acubillo a 354.194 turistas, fundamentalmente en casas de familiares ou amigos (171.280) e en vivendas en propiedade (155.662).

O lecer, recreo e vacacións foron os motivos principais da viaxe a España para máis dun millón de turistas en maio, en tanto que por negocios viñeron 180.473 e, por outros motivos, 176.463.

A duración media das viaxes do turismo internacional en maio foi de 7,3 días e a estadía maioritaria é de catro a sete noites. O número de visitantes que non pernoitan (excursionistas) se situou en máis de 1,3 millóns.

Gasto medio

O gasto por turista internacional en maio situouse nos 1.021 euros e o gasto medio diario alcanzou os 141 euros. Dos 1.392 millóns que deixaron en España en maio, 358 millóns corresponderon a xente de Alemaña, 215 millóns de Francia e en terceira posición, pero moi por detrás, do Reino Unido (59 millóns).

Nos cinco primeiros meses de 2021 Alemaña é o país con maior gasto acumulado (21,5 % do total), seguido de Francia (15 %) e o conxunto de países nórdicos (4,9 %).

As comunidades de destino principal do gasto en xaneiro-maio foron Canarias (co 22,4 % do total), Baleares (18,3 %) e Cataluña (14,9 %).

En consonancia coa melloría no número de turistas, tamén en gasto Baleares foi a única comunidade das grandes receptoras que mellorou: subiu un 57,2 % sobre xaneiro-maio do ano anterior, mentres que en Canarias e Cataluña baixou máis dun 78 %.

 

Noticias web

02/07/2021