CRTVG

Buscar

O turismo galego, pendente das repuntas

Publicado o 01/08/2020 15:55

A imaxe que nos deixa este comezo do mes de agosto é ben distinta a que estamos afeitos a vivir. Os turistas xa non son os protagonistas da foto fixa que nos deixan cidades e vilas.

Nas rúas vemos menos turistas ca noutras ocasións. Pasa en practicamente todas as localidades galegas, como esta de Betanzos, onde ademais se suspenderon as festas de agosto que incluían o lanzamento do globo de papel e a festa dos Caneiros que sempre servían de reclamo para os visitantes. O mes de xullo foi frouxo en xeral para o turismo en todas as zonas e os que se dedican ao sector esperan que agosto lles dea máis alegrías, aínda que son conscientes de que todo dependerá da evolución dos gromos.

Fixemos un pequeno percorrido polas Rías Altas e polas Baixas, para ver como encaran este mes, o mes das vacacións por excelencia. En ambos casos, asegúrannos que as reservas fanse máis a última hora porque os posibles visitantes están pendentes dos gromos para decidir o destino das súas vacacións. 

Turismo nas Rías Altas: optimismo moderado no comezo do mes de agosto

Miño ten unha poboación de algo máis de seis mil habitantes, unha cifra que durante os meses de verán pode triplicarse coa chegada de turistas. Non sucederá este ano. En xullo, a ocupación deste pequeno hotel baixou un 25% respecto a 2019. Prevén un agosto semellante.

Teñen ocupadas catorce das vinte habitacións dispoñibles. Neste verán marcado por un comportamento turístico volátil, apenas tiveron cancelacións, aínda que o ritmo das reservas minorou.

Malia a preocupación pola posible aparición de gromos, as Rías Altas volven ser destino para moitos turistas habituais e tamén para novos visitantes. 

Chegan buscando praias, desconexión e paisaxe. Comeza o mes de agosto deste verán fráxil e atípico.

Turismo nas Rías Baixas: a ocupación hoteleira en xullo queda no 50%

Movemento de maletas en Sanxenxo nesta primeira fin de semana de agosto. Os que chegan crúzanse cos que rematan vacacións e regresan aos seus lugares do orixe neste verán atípico. A ocupación no mes de xullo non foi tan boa como se agardaba nas Rías Baixas, e quedou nun 50%. O sector confía en que o bo tempo continúe e esa cifra aumente en agosto, tradicionalmente  o mes máis forte en reservas. Con todo din que a boa nova é que hai movemento.

Os posibles rebrotes son a principal preocupación dos hostaleiros xa que deles derivan a maior parte das cancelacións. Os turistas que escolles as Rías Baixas para este verán son a súa maioría do noroeste peninsular.

O turismo internacional, que representaba outros anos un 27% do total, é polo momento practicamente anecdótico.

 

Noticias web

01/08/2020