O turismo galego dálle un respiro á hostalería esta semana
"Non hai moito estranxeiro; ao mellor, algún inglés escoitamos, pero a maioría son galegos".
A pesar de pechar a entrada ao turismo doutras comunidades, Galicia despide unha Semana Santa coas rúas e os paseos das cidades principais ateigadas. A imaxe é similar na costa e no interior.
"Estivemos na Coruña, en Fisterra; agora botamos a noite en Santiago e gozando das paisaxes que temos".
Centos de persoas transitan polo paseo coruñés da Mariña. Peregrinos e turistas mestúranse na praza do Obradoiro neste domingo de Pascua.
"Estou emocionada do Camiño, da xente que coñecín, de todo o tempo que tes para pensar".
"A nosa idea era ir á misa do peregrino, fíxemos a peregrinación do Camiño inglés desde A Coruña, levamos tres días camiñando, pero co tema da covid−19 a ocupación xa está completa".
O bo tempo desta fin de semana convidaba a rematar o paseo nunha terraza, onde ás veces non é doado atopar mesa.
"A ocupación permitida é moi limitada e iso condiciona moito; moitos están pechados, de feito, atopar restaurante para comer hoxe foi dificil".
Os establecementos que si abriron valoran o traballo destas xornadas festivas cunha ocupación permitida no exterior do 75 por cento e un máximo de seis persoas por mesa.
Ás nove da noite pechan os locais con tempo para un paseo e volver á casa antes do toque de recollida.