CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

O turismo en Cataluña reséntese pola incerteza política: as reservas hoteleiras caeron en Barcelona un 20 por cento

Publicado o 06/10/2017 14:48

Tamén o turismo se está a resentir a consecuencia da situación que se vive en Cataluña. Algúns informes falan dunha caída do 20 por cento nas reservas.

O sector hoteleiro alerta dunha baixada significativa nos hoteis cataláns, que nalgúns casos cifran no 20 por cento. E temen que vaia a máis se continúa a inestabilidade, o que prexudicaría gravemente o turismo, un dos motores económicos de Cataluña.

Varios cruceiros xa desviaron o seu percorrido para evitar Barcelona, e a compañía aérea American Airlines mesmo lles recomenda aos seus pasaxeiros non viaxar á capital catalá ata despois do 13 de outubro.

O sector turístico alerta do risco que supón a inestabilidade que se está a vivir en Cataluña. Os atentados de agosto e os actos de turismofobia apenas minguaron a demanda do sector, un motor económico que achega o 15 por cento do PIB catalán. Pero dende o un de outubro hostaleiros e comerciantes advirten do dano que están a causar os acontecementos dos últimos días. Hai cancelacións e unha crecente caída das reservas, que nos hoteis de gama alta chegan a ser do 20 por cento.

O descenso é aínda maior no sector dos apartamentos turísticos. Amais, nos últimos días dous cruceiros que debían facer escala en Barcelona cambiaron o itinerario a Valencia. E a compañía American Airlines, que opera voos con tres cidades estadounidenses, recoméndalles aos seus pasaxeiros evitar a capital catalá, polo menos ata o 13 de outubro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí