CRTVG

Buscar

O TSXG di que o certificado covid da Xunta "demoniza" o sector da hostalería

Publicado o 20/08/2021 14:20

• Os maxistador consideran que non era unha medida "idónea, nin necesaria" e ve afectados os dereitos fundamentais

O TSXG di que o certificado covid da Xunta "demoniza" o sector da hostalería

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) notificou este venres o auto polo que rexeita a petición da Xunta de autorizar a obriga de pedir o certificado covid nos locais de hostalería por non ser unha medida "idónea" nin "necesaria".

O ditame adiantado o pasado sábado suspendeu a obriga de que os clientes de bares e restaurantes dos municipios en nivel alto e máximo de restricións e do lecer nocturno de toda a comunidade tivesen que presentar unha proba negativa de coronavirus, o certificado de vacinación ou de pasar a enfermidade.

A sala conclúe que a medida non é idónea, xa que non impide o contaxio, nin necesaria, polo menos, "no grao que resultaría esixible". Os maxistrados afirman que "se as persoas que foron vacinadas ou padeceron a enfermidade, a pesar de desenvolver inmunidade fronte ao virus, poden ser potenciais transmisores do mesmo", por parte da Xunta "non se explicou como se evitará o posible contaxio" de quen accedese ao local amparados polo documento dunha PCR ou un test de antíxenos, "que só acredita que no momento da súa realización non eran portadores do virus activo, pero non que gocen de inmunización algunha fronte a este".

Así mesmo, a sala indica que, conforme aos datos do Ministerio de Sanidade sobre as distintas comunidades autónomas, "na evolución dos últimos catorce días non hai datos significativos que indiquen unha eficacia da medida adoptada en Galicia, única comunidade na que se veu esixindo o denominado pasaporte covid".

Ademais, os maxistrados fan seu un argumento para o xuízo de idoneidade xa exposto polo TSJ de Andalucía que indica que a medida establece un deber exclusivo do consumidor, pero non se require aos empregados.

"Podería darse o caso de que cumprindo todos os clientes dun local coa esixencia, con todo, ningún dos empregados estivese en condicións de cumprila", detallan.

Sobre a necesidade da medida, a sala di que se se parte da premisa de que, segundo as previsións de vacinación, o seu avance supoñerá un importante freo á expansión do virus, "non ten moita xustificación que se implante unha medida como a que se examina”. Neste sentido, sinala que por parte da Consellería de Sanidade debería "acreditarse con rotundidade que o maior número de contaxios da chamada quinta onda ten a súa orixe, precisamente, nos establecementos de hostalería e restauración, en bares, cafeterías e restaurantes".

Resaltan os maxistrados na súa resolución que non lles parece "ecuánime demonizar o sector de servizos de hostalería establecendo agravios comparativos con outras actividades mercantís que se desenvolven en lugares pechados, como son os establecementos comerciais ou grandes superficies, en que, a pesar do seu uso masificado, non se esixe para o seu acceso a exhibición de ningún documento de carácter médico".

En relación á postura da Administración, que defende que a medida non afecta os dereitos fundamentais relacionados coa intimidade e a protección de datos, porque a esixencia do pasaporte imponse para o exercicio de actividades que son voluntarias e porque os datos non quedan rexistrados, o tribunal esgrime que "precisamente, o exercicio voluntario é o propio de todo dereito".

"Tamén deambular pola vía pública durante a noite é unha actividade voluntaria e non por iso se aceptou que os toques de queda nocturnos non afecten o dereito fundamental á liberdade”, engaden os xuíces. 

En canto á non afección do dereito á protección de datos reservados, porque non se prevé que unha determinada información concernente á saúde sexa nin rexistrada nin arquivada, "este argumento en ningún caso evitaría -defende a sala- o risco de afección ao dereito da intimidade, que é máis amplo que o de protección de datos persoais, pois o certo é que se tome ou non se tome nota diso, o cliente tivo que desvelar a un terceiro unha información concernente á súa saúde que tiña dereito a manter reservada para si".

Contra esta resolución pódese presentar recurso ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo. 

Noticias web

20/08/2021