CRTVG

Buscar

O TSXG ordena repetir o xuízo contra a acusada de matar os dous anciáns que coidaba en Arzúa

Publicado o 03/07/2020 18:45
O TSXG ordena repetir o xuízo contra a acusada de matar os dous anciáns que coidaba en Arzúa

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ordenou repetir o xuízo contra unha muller, acusada de acoitelar e matar dous anciáns que estaban ao seu coidado no municipio de Arzúa no ano 2016. O Superior estimou o recurso de apelación contra a sentenza emitida pola sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña que, de acordo co veredicto do tribunal do xurado, decretou o internamento nun centro psiquiátrico por un máximo de 30 anos.

Os maxistrados, por tanto, declararon nula a sentenza e o correspondente proceso, polo que ordenan a devolución da causa á sección segunda da Audiencia para a celebración dun novo xuízo con diferentes xurados e maxistrado presidente.

Os feitos ocorreron na madrugada do 27 de xullo do 2016, cando a condenada supostamente colleu un coitelo de 25 centímetros da cociña da súa casa e dirixiuse á dos anciáns, que durmían nese momento.

A muller entrou na vivenda coas chaves que o matrimonio adoitaba gardar nunha xanela e, unha vez no dormitorio, asestoulles varias coiteladas que lles causaron a morte. No xuízo, a procesada, que recibía tratamento psiquiátrico desde o ano 1994 por diagnóstico de esquizofrenia diferenciada, acolleuse ao seu dereito a non declarar, do mesmo xeito que o resto de familiares -marido e filla- con quen residía na vivenda.

A Audiencia acordara o seu internamento para tratamento médico nun centro psiquiátrico penal adecuado ao seu tipo de anomalía ou alteración psíquica por un tempo máximo de trinta anos, posto que presentaba un trastorno psicótico agudo que "anulaba totalmente as súas capacidades cognitivas e volitivas".

O Superior considera que o maxistrado presidente debeu de devolver o obxecto do veredicto debido a que o maxistrado presidente anulara unha manifestación inculpatoria da acusada e que serve de base para parte dos feitos dánse por probados. Esa manifestación autoinculpatoria foi declarada nula polo maxistrado presidente na súa sentenza, na que, segundo o alto tribunal galego, "incorporou elementos probatorios incriminatorios que non foron tidos en conta polo xurado".

O maxistrado presidente cualificouno como "vicio probatorio", pero o TSXG debeu disto debeu dar lugar á devolución do veredicto ao xurado, pois afecta, en todo ou en parte, "nove dos feitos declarados probados, os nucleares entre eles".