CRTVG

Buscar

O TSXG denega a suspensión da medida de ter certificado covid para entrar nos bares

Publicado o 06/08/2021 14:05

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denegou a medida cautelarísima solicitada pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental para que suspendese o requirimento de presentación dunha certificado covid-19 para acceder ao interior de establecementos hostaleiros e locais de lecer nocturno.

Segundo informa o alto tribunal galego, dado que a tramitación das medidas cautelarísimas supón que non se lle dea traslado do recurso á Xunta, a sala acordou que se continúe a súa tramitación como unha peza común de medidas cautelares para "non furtar á Administración a posibilidade de facer alegacións".

A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG entende "non concorrente o requisito da urxencia", indispensable para adoptar a medida cautelarísima demandada, "xa que non se acreditou o concreto prexuízo inflixido á asociación hostaleira recorrente nin o seu carácter de irreparable".

Así, o tribunal destaca que en todas as medidas adoptadas pola Xunta, incluídas as que son obxecto de impugnación, "subxace o interese en evitar a aglomeración de persoas, de procurar que se respecten as medidas de distanciamento e, en definitiva, de protexer a saúde pública". Os maxistrados resaltan que teñen "un evidente fundamento sanitario, dados os riscos de transmisión dunha enfermidade contaxiosa como é a covid-19". Ademais, advirten da "preocupante evolución do número de contaxios nestes últimos días na área xeográfica á que se estenden as medidas cuestionadas, afectando de forma predominante a mocidade, que é o grupo de poboación que frecuenta en maior medida as discotecas e demais locais de lecer nocturno, así como as cafeterías, restaurantes e bares".

No auto, o TSXG non entra a valorar os argumentos da asociación respecto da suposta vulneración do dereito á intimidade da cidadanía ao ter que exhibir documentación de carácter sanitario, xa que é unha cuestión que non lle compete neste estado do procedemento. 

Noticias web

06/08/2021