CRTVG

Buscar

O TSXG confirma a pena de prisión permanente revisable para o Chicle

Publicado o 19/06/2020 14:30
O TSXG confirma a pena de prisión permanente revisable para o Chicle

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de confirmar a condena de prisión permanente revisable para José Enrique Abuín Gey polo asasinato de Diana Quer en agosto de 2016, na Pobra do Caramiñal.

O Superior di que "non existe duda ningunha" da realidade dos feitos, que foron "debidamente acreditados" na sentenza de primeira instancia.

Os xuíces sosteñen na resolución que o móbil de natureza sexual "corrobórase pola ausencia de calquera outra motivación, unha vez descartada a tese de que a vítima foi trasladada xa sen vida á nave de Asados". Ademais, recalcan que a ausencia doutras alternativas "sensatas, razoables, coherentes e sólidas" reforza "o xuízo lóxico do tribunal".

O alto tribunal asegura que é "incuestionable" que cada un dos feitos  indiciarios en por si "nada determina", pero destaca que o seu conxunto "refórzaos con efecto para considerar a realidade do feito presunto, non a sospeita, senón a plena convicción de que as cousas foron como os feitos declarados probados". 

"Non se trata dunha condena arbitraria, nin se vulnera o principio acusatorio nin o dereito á presunción de inocencia, pois os feitos fíxanse sobre a base da proba indiciaria", manifesta a Sala do Civil e Penal na sentenza, en que subliña que non é necesario “que se determine de maneira exacta e precisa a conduta atentatoria contra a liberdade sexual, bastando a certeza, máis aló de toda dúbida razoable". 

A sentenza puntualiza que "non existen datos obxectivos" que indiquen, tal e como alega a parte recorrente, que o xurado se comportara "de maneira allea ás esixencias de imparcialidade" ou de que non basease a súa decisión "sobre as premisas que deriven, exclusivamente, daquilo que aconteceu no plenario". 

"A sociedade da información en que vivimos impídenos ser alleos ás cousas que acontecen na nosa contorna vital. Nada do que coñecemos énos alleo. Pero esa circunstancia, por si mesma, non determina a imposibilidade de levar a cabo un axuizamento imparcial e libre", destacan no ditame, en que subliñan que “non se puxeron de manifesto que concretas e particulares circunstancias  extraprocesales determinaron esa pretendida afectación á imparcialidade do tribunal".

En canto ás alegacións sobre a falta de rigor e obxectividade dos médicos forenses, dos axentes da Garda Civil e dos peritos informáticos, o Superior sinala que "o que realmente está a cuestionar a parte recorrente non é outra cousa que a valoración da proba efectuada polo tribunal". Ademais, sobre a ilicitude das dilixencias policiais ás que fai referencia a parte recorrente, o TSXG lembra que esas cuestións previas xa foron formuladas pola defensa e resoltas polo maxistrado presidente nun auto que non foi recorrido.