CRTVG

Buscar

O TSXG confirma a pena de prisión permanente imposta ao parricida de Oza-Cesuras

Publicado o 04/02/2019 18:46
O TSXG confirma a pena de prisión permanente imposta ao parricida de Oza-Cesuras

A Sala do Civil e Penal do TSXG confirmou a condena de prisión permanente revisable que a sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, lle impuxo ao home que asasinou o seu fillo de once anos en Oza-Cesuras en maio de 2017. A sentenza considera acreditado que o acusado non aceptou a decisión da súa ex esposa de separarse del en 2009 e cometeu o crime "coa intención de causarlle o maior sufrimento psíquico posible".

Os maxistrados rexeitaron, tal e como demandaba a defensa do sospeitoso, que o condenado se atopase baixo os efectos dun brote psicótico cando golpeou o seu fillo cunha pa de obra na cabeza. O TSXG sinala que os feitos probados "concordan francamente mal con esa tolemia en que tanto insistiron os peritos que declararon a proposta da defensa". Os xuíces tampouco tiveron en conta a atenuante de reparación do dano que pedía a defensa. Así, lembran que polos "antecedentes e sucesión dos feitos", o xurado considerou probado que a intención do acusado era a de provocar na súa ex-esposa e nai do seu fillo "o maior sufrimento posible", polo que non estimaron "relevante" o feito de que conducisra os axentes ao lugar onde se encontraba o corpo.

O ditame da Audiencia Provincial da Coruña, que foi ratificado polo TSXG, considera o parricida autor dun delito de asasinato con aleivosía, xa que a vítima era menor de 16 anos, coa agravante de parentesco e de xénero, en concurso medial cun delito de lesións psíquicas á súa ex-muller. O tribunal tamén lle impuxo a prohibición de aproximarse a menos de 1.500 metros á súa ex-esposa e de comunicarse con ela por calquera medio durante cinco anos máis que a duración efectiva da pena de prisión permanente revisable. Contra a sentenza do TSXG que confirma a de instancia cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/02/2019