CRTVG

Buscar

"Estamos seguros de que nos van conceder a cautelar", di o comité de Alcoa

Publicado o 28/10/2020 16:15
"Estamos seguros de que nos van conceder a cautelar", di o comité de Alcoa

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, indicou este mércores, tras declarar na vista sobre a paralización do ere, que están "seguros" de que lles concederán a cautelar porque "o argumento de Alcoa é sempre o mesmo, que queren parar as cubas".

En declaracións á prensa, no exterior da sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José Antonio Zan condenou que a empresa "nunca pon sobre a mesa nada que non sexa a parada de cubas como condición para chegar a calquera solución".

"Valoramos que é un fracaso para España que teñamos que vir aos xulgados e poñer a tres xuíces ante o dilema de se vai continuar con vida unha comarca enteira como é a Mariña lucense", aseverou o presidente do comité.

Nesta liña, censurou "a  inacción dos gobernos", pois considera que a Xunta e o Executivo central "son os que teñen que tomar a decisión de intervir a empresa" e son os que deben establecer que "cando a SEPI entra a comprar unha empresa privada hai que vendela porque esa empresa está montada no chan que foi expropiado no seu día".

"Non se pode permitir que unha multinacional americana poña de xeonllos á democracia española e a dous gobernos", sentenciou Zan. 

• Alcoa acusa os gobernos de parcialidade e de conflito sobre propiedade privada

Os avogados da multinacional Alcoa recriminaron esta mañá a actuación "contraria á imparcialidade" da autoridade laboral e afearon á Xunta e ao Ministerio de Industria que "non son suxeitos imparciais" neste procedemento seguido esta mañá no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

"Dicían que a única solución ao conflito era a venda", continuou un letrado, que reiterou en varias ocasións durante a súa intervención que "non se pode obrigar a Alcoa a vender si ou si, iso é un atentado contra os dereitos á propiedade privada e liberdade de empresa".

Segundo o avogado, estendeuse "perigosamente" un "mantra" acerca de que "a venda a un terceiro é a solución", cando se Alcoa, que é produtor de aluminio a nivel mundial, "non é capaz de facer rendible" a planta "non sabemos por que un terceiro si".

A pesar de que esta vista "non é lugar para discutir as causas, que pasan fundamentalmente polo "custo enerxético que é un problema innegable, incontestable e evidente", considera "imposible operar a planta sen baixar o prezo da enerxía" xa que supón "máis do 40 % dos custos" da planta.

Por iso é polo que se xustifica a hibernación das cubas -á que se opoñen os traballadores por considerar que iso condenaría a fábrica ao peche- porque "non é unha teimosía" de Alcoa, senón que son "o foco fundamental das perdas que sofre a planta, de máis dun millón de euros por semana", engadiu o letrado.

Respecto aos representantes dos traballadores, afeoulles o "mantra" de "tratar de dinamitar o despedimento colectivo" como "recurso para tratar de buscar un subterfuxio para expoñer mala fe" e reprochoulles que "nunca" quixesen falar "de nada".

• Industria descarta nacionalizar Alcoa e tende a man a unha solución pactada

O Ministerio de Industria descartou a posibilidade de intervir Alcoa no sentido de "expropiación ou nacionalización" e ofreceu a súa "man tendida" aos traballadores e á multinacional para lograr unha "solución pactada e negociada" ao conflito que favoreza a todas as partes.

Sobre o obxecto da vista, o avogado de Industria mostrouse partidario de que a multinacional do aluminio se absteña de proceder á hibernación das máquinas e ao despedimento dos traballadores ata que haxa sentenza sobre o procedemento do despedimento colectivo.

Posicionouse en contra da intervención xudicial pola SEPI porque sería unha medida "intrusiva" e porque "supón un cambio de administración". "É certo que o termo de intervención pode ser utilizado noutros contextos como sinónimo de expropiación ou nacionalización" -como se pediu desde distintas instancias-, pero estas son "opcións que non se están poñendo aquí encima da mesa e non son obxecto deste procedemento", aclarou o letrado tras as críticas de Alcoa pola posición de Goberno e Xunta para que vendese a planta e que, avisou, atenta contra o dereito á propiedade privada e liberdade de empresa.

• Decenas traballadores concéntranse no acceso á planta e queiman barricadas

Decenas de traballadores de Alcoa San Cibrao concentráronse este mediodía na entrada principal ao complexo industrial para reclamar unha solución que permita garantir a produción e os postos de traballo na fábrica de aluminio primario.

En resposta a unha convocatoria do comité de empresa, os traballadores empezaron a concentrarse pouco antes da unha do mediodía nas inmediacións do campamento montado na entrada principal á fábrica, cuxo persoal está en folga indefinida e controla os accesos para evitar a saída de aluminio do complexo industrial.

Os traballadores formaron barricadas con rodas e logo prendéronlles lume, á vez que reclamaban, unha vez máis, unha intervención pública da planta e a implementación dun marco estatutario que permita establecer un prezo competitivo da enerxía para os consumidores  electrointensivos como Alcoa.

Despois representaron o fusilamento e posterior enterro da Mariña por parte da multinacional, un acto para simbolizar a "morte" da comarca se finalmente pecha esta factoría de aluminio primario.

No acto realizado polos traballadores, a comarca da Mariña, representada por un boneco coa roupa de traballo de Alcoa, foi fusilada por directivos da multinacional norteamericana, ante a mirada de representantes do Goberno e da Xunta de Galicia, que asistían de forma pasiva á escena.

Posteriormente, este boneco foi enterrado nun buraco cavado na terra, nun cemiterio improvisado e cunha lápida de cor branca e o nome de “A Mariña” en letras negras.

Noticias web

28/10/2020