CRTVG

Buscar

O TSXG avala o plan de uso e xestión das Illas Atlánticas aprobado pola Xunta

Publicado o 18/10/2021 18:25
EP

A sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avalou o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e rexeitou a demanda interposta por Naviera de las Rías Gallegas contra a súa aprobación por parte da Xunta.

Na sentenza, contra a que cabe recurso de casación, o tribunal lembra que a naviera interpuxo un recurso contra o decreto polo que se aprobou o plan de xestión, que foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) en 2019. Os xuíces apoian a forma e o procedemento seguido pola Xunta na tramitación do documento e avalan, en contra do criterio da parte demandante, que o director-conservador do parque nacional expida autorizacións para o acceso de grupos organizados, así como para o desenvolvemento de actividades de navegación, fondeo, amarre e atraque das embarcacións nas illas.

A este respecto, resaltan que o plan "xa advirte que no cómputo dos visitantes quedan excluídos os veciños das illas, o persoal adscrito ao parque nacional, os traballadores dos establecementos legalmente establecidos e o persoal de entidades públicas ou privadas que desenvolven no parque labores de restauración, mantemento, instalación e investigación debidamente autorizadas polo parque nacional".

Ademais, sinalan que "non parece coherente" que a parte demandante aluda á "falta de tradución dun texto" desde o galego coa comprensión do mesmo "realizando amplas alegacións do seu contido", polo que desestiman este motivo "ao non concretarse indefensión material á vista do expediente administrativo".

Noticias web

18/10/2021