CRTVG

Buscar

O TSXG avala o decreto que permite aos percebeiros traballar na zona da mexilla

Publicado o 24/09/2021 15:09

A Consellería do Mar acordou negociar unha repartición das zonas de conflito de extracción do percebe e da mexilla. Un decreto que regulaba a explotación dos recursos marisqueiros. Finalmente todo rematou na vía xudicial e nas últimas horas o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimaba o recurso dos mexilloeiros contra ese decreto. Os xuíces cren que non altera o monopolio dos bateeiros para extraer a cría do mexillón polo que avalan a norma que permite aos percebeiros traballar na zona da mexilla.

Susana González Álvarez é a patroa maior da confraría de pescadores de Baiona e percebeira: "Significa un sopro moi grande de aire fresco ante esta problemática tan grande que estamos tendo nos últimos anos porque o que vén é a protexer as confrarías, especialmente o sector do percebe desta colleita indiscriminada de mexilla polas nosas rochas e que tan negativamente estaba afectando o noso sector".

Para os bateeiros o decreto modifica o réxime de extracción da mexilla que na súa opinión era exclusiva e que cada vez escasea máis. Cren que o ditame aínda empeorará o conflito.

Juan Aval é patrón dun barco bateeiro: "Desta forma penso que pode haber enfrontamentos e xa é bastante complicado, cada ano máis, a mexilla hai zonas que non produce, xa hai problemas entre bateeiros porque non hai tanta mexilla e é un recurso que escasea".

Segundo o Alto Tribunal galego, o decreto protexe os recursos marisqueiros, e limítase a introducir unha previsión sobre os plans de xestión dos recursos no caso de coexistencia nos mesmos bancos naturais. Uns plans que se someten á aprobación da Consellería do Mar.

Noticias web

24/09/2021