CRTVG

Buscar

O TSXC dá luz verde ás manifestacións de Vox contra o Goberno en Cataluña

Publicado o 22/05/2020 19:33
O TSXC dá luz verde ás manifestacións de Vox contra o Goberno en Cataluña

O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSXC) deu luz verde ás manifestacións en vehículo particular que Vox convocou para mañá nas catro capitais catalás para protestar pola xestión do Goberno ante a pandemia de coronavirus.

O TSXC declara nula a decisión do Ministerio do Interior de prohibir as protestas de mañá, ao considerar que as manifestacións con vehículos convocadas non teñen por que traducirse en "prexuízos significativos para a vida ou a saúde das persoas"

Para a sala, "admitir unha prohibición baseada en meras conxecturas supoñería unha quebra clara do dereito fundamental de reunión e manifestación pacífica, amais diso, un perigoso precedente"

O TSXC cre que non é "proporcionada" a prohibición das manifestacións de mañá, tendo en conta que as cidades onde se convocaron están agora na fase 0 ou 1 da desescalada, polo que a súa situación sanitaria non expón os "inconvenientes" que apreciou o Tribunal Constitucional cando decidiu vetar unha mobilización convocada para o Primeiro de Maio en Vigo. 

"Achándonos ás portas da quinta prórroga do estado de alarma, cabe constatar (é un feito notorio) que a pandemia remitiu considerablemente, presentando, pois, a situación sanitaria, un escenario sensiblemente mellor que o analizado polo Tribunal Constitucional respecto a a cidade de Vigo", insiste o TSXC nas súas sentenzas. 

Para a sala, ante esa situación "non parece que sexa de recibo prohibir unha manifestación en vehículos cando resulta que, ordinariamente, as persoas poden pasear pola cidade durante franxas horarias xenerosas, sen límite numérico, baixo a única condición de facelo gardando as distancias e con máscara". 

A sala acorda estimar a demanda de  Vox, aínda que lembra que a concentración de manifestantes non se iniciará antes das 11.30 horas e deberá concluír nunha hora.