CRTVG

Buscar

O Tribunal Supremo revisa a pena de prisión permanente revisable do Chicle

Publicado o 25/11/2020 08:38

O crime de Diana Quer volve hoxe a xuízo. O Tribunal Supremo vai revisar a prisión permanente revisable a que foi condenado o Chicle. Farao nunha sesión a porta pechada, en que non estará José Enrique Abuín Gey.

A Sala do Supremo que analizará o caso está composta polos maxistrados Miguel Colmenero -que a preside- Eduardo de Porres, Carmen Lamela, Leopoldo Puente e o relator Vicente Magro.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratificou en xullo a condena imposta pola Audiencia da Coruña de prisión permanente revisable "ao non existir dúbida algunha" de que os feitos foron "debidamente acreditados", isto é, un asasinato con aleivosía para ocultar outro delito previo contra a liberdade sexual da vítima.

Os xuíces sosteñen que é "posible presumir, ata alcanzar unha conclusión de certeza máis aló de toda dúbida razoable", que o traslado da vítima ata a nave de Asados, no municipio de Rianxo, lugar no que ela acabou espida e se localizou o seu corpo, obedece a unha única razón: atentar contra a súa liberdade sexual, máxime ao tratarse dun inmoble "apartado e solitario".

Diana Quer, que tiña 18 anos no momento dos feitos, foi agredida sexualmente e asasinada tras a súa desaparición o 22 de agosto de 2016. Acudiu esa noite a unha festa na Pobra do Caramiñal, localidade coruñesa na que pasaba o verán coa súa nai e a súa irmá menor, e da romaría nunca regresou.

O seu corpo sen vida foi achado na madrugada do 31 de decembro de 2017, dentro dun pozo con auga onde estivo máis de 500 días mergullado. O cadáver foi localizado nunha nave de Asados, no veciño municipio de Rianxo, moi preto da casa que habitan os pais do Chicle.

Na última vista no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o condenado limitouse a dicir: "Non ocultei nada. Nada máis. Moitas grazas".

Noticias web

25/11/2020