CRTVG

Buscar

O Supremo condena os líderes do 'procés' a penas de entre 9 e 13 anos de cárcere

Publicado o 14/10/2019 15:55

• Considera que cometeron sedición e non rebelión

Oriol Junqueras é condenado a 13 anos de cárcere por sedición e malversación e outros tantos de inhabilitación. A partir de aí, o tribunal que preside Manuel Marchena vai graduando as penas dende os 12 anos de prisión dos ex-conselleiros Romeva, Turull e Bassa ata os nove anos de Jordi Sánchez e Jordi Cuixart. A sentenza é unánime e firme, pero pode ser recorrida ante o Constitucional e en Estrasburgo. Dende o cárcere, os condenados falan de inxustiza.

Os sete maxistrados asinaron por unanimidade a sentenza, de 493 folios, do que se coñece como o xuízo da democracia. Sen fisuras nin diverxencias, tal e como aspiraba o presidente do tribunal, Manuel Marchena, conclúen que os líderes do procés non instigaron a violencia pero si promoveron tumultos para obstaculizar a aplicación das leis. Asumen así a tese da Avogacía do Estado para descartar a rebelión e condenar por sedición os nove procesados que están en prisión preventiva. E entenden que houbo desvíos de fondos públicos para a celebración do referendo ilegal.

A pena máis elevada é para Oriol Junqueras, condenado a 13 anos de cárcere por sedición e malversación, e os mesmos anos de inhabilitación. Os ex-conselleiros Turull, Romeva e Bassa son condenados polos mesmos delitos a 12 anos de prisión. Os outros dous, Forn e Rull, son absoltos de malversación e afrontan unha pena de 10 anos e medio por sedición. Polo mesmo delito, Carme Forcadell, é sentenciada a unha pena de once anos e medio, mentres que os ex-líderes de ANC e Òmnium deberán cumprir 9 anos de cárcere. Os ex-conselleiros que afrontaron o xuízo en liberdade, Borrás, Vila e Mundó, son condenados por desobediencia a dez meses de multa.

A sentenza recalca que o dereito a decidir non ten apoio legal. Critica o papel dos Mossos, aos que acusa de 'cinismo' e 'complicidade cos votantes', e xustifica o uso da forza de policía e garda civil o un de outubro. O fallo pon fin a dous anos de proceso xudicial que culminou cun xuízo de 52 sesións. As sentenzas do Supremo son firmes, pero as defensas van esgotar as dúas únicas vías para revisalas: ante o Constitucional e o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. O Supremo rexeita a petición da Fiscalía do período de seguridade, que impediría o acceso ao terceiro grao antes da metade da condena, así que os Servizos penitenciarios da Generalitat poderán concederlles permisos aos condenados de maneira case inmediata.

Dende o cárcere chegaban as primeiras reaccións: Forcadell lamentaba que a inxustiza se consumara, Rull criticaba que se xulgaran as ideas, e non os feitos, e Junqueras anunciaba que volverán máis fortes, convencidos e firmes ca nunca.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/10/2019