CRTVG

Buscar

Luís Bárcenas asegura que o PP intentou compralo para manipular a contabilidade B

Publicado o 08/03/2021 15:39

Luis Bárcenas comezou a súa declaración pola contabilidade irregular do PP cunha primicia. O extesoureiro dixo que intentaron compralo. Bárcenas dixo que lle ofreceron 500 mil euros en efectivo que aportarían empresarios a cambio de cerrar o litixio laboral que tiña aberto contra o PP.

O extesoureiro recoñeceu que pedira unha cifra cercana ao millón de euros, que era o que lle debía o partido, para alterar eses papeis. Dixo que era a cantidade que lle correspondía en función da antigüidade e polos parámetros que rixen á hora de calcular unha indemnización.

Ademais Luis Bárcenas volveu situar o expresidente do Goberno Mariano Rajoy entre os antigos altos cargos do Partido Popular que recibiron sobresoldos procedentes da "contabilidade extracontable" da formación.

Xa o mencionara na carta que enviara á Fiscalía Anticorrupción hai unhas semanas e indicouno durante a súa declaración como acusado no xuízo que se celebra na Audiencia Nacional.

Ademais de Rajoy, Bárcenas mencionou outros exaltos cargos como María Dolores de Cospedal, Francisco Álvarez Cascos, Javier Arenas ou Jaime Mayor Oreja

"Fisicamente os cartos estaban no meu despacho, dentro dunha caixa", dixo Bárcenas, e explicou que os metía en sobres el e entregáballelos ao seu antecesor, Álvaro Lapuerta, que "se desprazaba ao ministerio correspondente e entregaba os sobres".

O tribunal rexeita o acareo con Rajoy

O tribunal da Audiencia Nacional que está xulgando a presunta caixa B do PP rexeitou o acareo entre o extesoureiro do partido e o expresidente do Goberno, Mariano Rajoy, tal e como solicitou a defensa do primeiro para o caso de que haxa contradicións en ambas as versións. 

Así o dixo o presidente do tribunal da Sección Segunda da Sala do Penal da Audiencia Nacional, o maxistrado José Antonio Moura Alarcón, que retomou o xuízo polo presunto pago da reforma da formación política con diñeiro da caixa B resolvendo 'in voce' as numerosas cuestións previas formuladas polas distintas partes. 

Neste sentido, comunicou que non procede aceptar a petición da defensa do extesuoreiro do PP de realizar un acareo con Mariano Rajoy, en caso de que este, na súa declaración como testemuña, presente contradicións co manifestado por Bárcenas.   

Segundo explicou o maxistrado Moura Alarcón, o acareo é unha "dilixencia excepcional" cuxa práctica habitual é en fase de instrución e non durante o plenario. Así mesmo, apuntou que as contradicións "non xustifican" que haxa que enfrontar ambas as versións, pois compete ao tribunal valorar a credibilidade dos testemuños en conxunto co resto de probas que se practiquen.

O que si aceptou é a proposta do avogado de Bárcenas, Gustavo Galán, de chamar a declarar como testemuñas a xornalistas que tiveron coñecemento dunha gravación en que o tamén extesoureiro do PP, Álvaro Lapuerta falaba de "entregas en metálico que se realizaban mensualmente" a membros do Partido Popular e "na que se mencionaba entre outros, expresamente, a Mariano Rajoy".   

En canto á falta de lexitimación das acusacións populares alegada polas defensas dos acusados, entre eles a do PP, quen está acusado como responsable civil subsidiario, o tribunal rexeita declarar a nulidade parcial do auto de apertura de xuízo oral porque, "con independencia da cualificación xurídica, o obxecto do proceso confórmano os feitos dos que foron acusados".

Por último, o tribunal tamén confirmou que o delito de apropiación indebida do que se acusa a Bárcenas como  cooperador necesario de Álvaro Lapuerta para presuntamente facerse con diñeiro da caixa B para a compra de accións de Libertad Digital xa é "cousa xulgada". A Sala lembra que  Bárcenas xa foi condenado por iso no procedemento relativo á primeira época da trama Gürtel (1999-2005), que xa é firme polo Tribunal Supremo e polo que se atopa cumprindo pena de prisión.