CRTVG

Buscar

O Tribunal Constitucional suspende a resolución sobre a independencia e avisa a Torrent de risco penal

Publicado o 10/10/2019 13:04
O Tribunal Constitucional suspende a resolución sobre a independencia e avisa a Torrent de risco penal

O Tribunal Constitucional suspendeu varios aspectos dunha resolución do Parlament do pasado xullo en que ratifica o dereito de autodeterminación de Cataluña e advertiu o presidente da cámara catalá, Roger Torrent, das consecuencias penais se ignora ou elude esta suspensión.

En tres providencias, o pleno do TC admite a trámite por unanimidade os incidentes de execución presentados polo Goberno, polo que suspenden determinados incisos da resolución aprobada polo  Parlament o pasado 25 de xullo: a reafirmación da reprobación do Rei, a confirmación do obxectivo da independencia e a de exercer o dereito de autodeterminación.

E pide notificar persoalmente esta decisión a Roger Torrent e aos membros da Mesa da cámara catalá, a quen "se lles advirte da súa obrigación de impedir ou paralizar calquera iniciativa que supoña ignorar ou eludir a suspensión acordada, apercibíndolles das eventuais responsabilidades, incluída a penal, en que puidesen incorrer".