CRTVG

Buscar

O triatleta santiagués Antón Ruanova nacionalízase brasileiro

Publicado o 29/02/2016 21:27

É unha nova que lles adianta a Televisión de Galicia. Ruanova tomou esta decisión para cumprir o soño de participar nuns Xogos. Para os do Río está descartado. O seu obxectivo é participar nos de Toquio con 34 anos.

Preto de facer os 30 anos, Antón Ruanova volve empezar de cero. Farao como brasileiro cun obxectivo a longo prazo: os xogos olímpicos de Toquio 2020.

"A idea é ter esa oportunidade que con España, por desgraza, nunca tiven. Eu creo que por agora non me van regalar nada. Parto dunha posición de cero. Se vou facendo as cousas ben, O Brasil vaime apoiar", dixo Antón Ruanova.

Subcampión de España nos anos 2010 e 2013, o triatleta santiagués buscará no país suramericano o que se lle negou na casa.

"Tamén agora o nivel español é fortísimo, pero eu quedo coa espiña de que deportivamente nunca me deron unha oportunidade. Agora é unha ocasión para tentalo. E a por iso", sinalou o triatleta santiagués.

Desde hai pouco máis dun ano, Antón Ruanova traballa na oficina económica e comercial da embaixada española en Brasilia. O ano pasado participou no circuíto brasileiro de tríatlon, en que ocupou o terceiro posto final.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/02/2016