CRTVG

Buscar

O tren Celta volve unir Vigo e O Porto a partir do domingo

Publicado o 13/08/2020 10:42

O tren Celta que une Vigo e O Porto volverá estar operativo a partir do domingo cunha frecuencia diaria en cada sentido. Confirmárono nas últimas horas Renfe e Comboios de Portugal. Recupérase así unha das frecuencias, que foran suspendidas no mes de marzo debido á alerta sanitaria.

O tren Celta, despois de 5 meses, volverá saír da estación viguesa de Guixar ás 8:58, e a saída dende O Porto para Vigo será ás 8 e 13 minutos. Estas frecuencias entre ambas cidades comezaran a funcionar en xullo de 2013 tras un acordo entre España e Portugal e a duración da viaxe é de 2 horas e 22 minutos.

O tren, que ten unha grande afluencia de pasaxeiros, sobre todo turistas, fai paradas comerciais en localidades como Valença do Miño ou Viana do Castelo. Antes do decreto do estado de alarma o ferrocarril cubría dúas conexións diarias en ambos sentidos, a primeira hora da mañá e a última hora da tarde. A partir do domingo será só unha, pero segundo Renfe e Comboios de Portugal, a oferta de horarios aumentarase a medida que se incremente a demanda.



 

Noticias web

13/08/2020