CRTVG

Buscar

O tránsito entre Galicia e Portugal volve á normalidade tras tres meses e medio

Publicado o 01/07/2020 07:24

As comunicacións entre Galicia e Portugal comezan a recuperar a normalidade, logo de tres meses e medio coas fronteiras pechadas por causa da crise do coronavirus. Este primeiro de xullo é a data que os gobernos de Madrid e Lisboa acordaron para reabrir os pasos fronteirizos, e xa nesta medianoite en Galicia se asumiu esa volta á normalidade antes incluso do acto solemne con que os gobernos dos dous estados oficalizarán esa reapertura.

O alcalde de Tui Enrique Cabaleiro protagonizou a apertura da fronteira. Acompañado polo seu equipo de goberno e varios veciños, cruzou a ponte que une Tui coa localidade portuguesa de Valença, que levaba pechada desde o 15 de marzo por mor da crise do coronavirus. 

Para os máis vellos era o retorno a un pasado felizmente superado, as restricións á circulación e o control do paso entre España e Portugal. A crise sanitaria volvera separar os dous lados da fronteira máis longa entre dous países da Unión Europea: a raia, 1.214 quilómetros que se abriron á libre circulación esta noite.

Unha única realidade, pero dous horarios diferentes. Así que o galegos desfecharon unha hora antes que os portugueses e pasaron a pé a histórica ponte internacional, construída en 1884, que estivo pechada ao tránsito dende o 17 de marzo. Xa do outro lado, a ansia por que deran as doce en Portugal era compartida.

O treito da fronteira que discorre entre Galicia e Portugal asume a metade do tráfico entre os dous estados. A relación entre as dúas beiras do Miño é tan porosa, intensa e cotiá que supuxo prexuizos para case toda a poboación, que agora agarda que o peche non se repita: ou polo menos, non da mesma maneira.

A reapertura realízase unha vez superado o estado de alarma en España, aínda que se suceden algúns rebrotes de contaxio, e cunha situación preocupante en Portugal.

Despois de ser un dos países europeos que tiveron máis controlado o virus, os datos certifican a súa expansión nalgunhas zonas, como o cinto metropolitano de Lisboa, e en apenas unhas semanas Portugal pasou a ser o segundo país de Europa en número de contaxios por habitante, só superado por Suecia.

A fronteira entre España e Portugal é a máis longa de Europa, e desde o 17 de marzo permaneceu pechada salvo en puntos estratéxicos para nacionais e residentes do país de destino, transporte de mercadorías e traballadores transfronteirizos.