CRTVG

Buscar

O tráfico de mercadorías nos portos galegos medrou máis dun 60 % na última década

Publicado o 27/02/2019 22:01

A actividade portuaria é un dos motores da nosa economía. En total son 127 peiraos que conviven con vilas e cidades. Para asesorarse das diferentes infraestruturas que se teñen que acometer, a Xunta ten un convenio de colaboración co Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia. Xuntos organizaron estas xornadas para falar de oportunidades de futuro.

Enrique Urcola, decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia: "Estas xornadas son imprescindibles porque a comunicación entre o porto e a cidadanía é máxima. Quere dicir, neste momento a relación porto-cidade é básica para o entendemento da vida tanto comercial, como a pesca, como o tema da cidadanía porque nas zonas máis importantes das cidades están os portos".

Desenvolver estratexias fronte ao cambio climático e a contaminación mariña, manter as infraestruturas e adaptar os portos á innovación tecnolóxica. Estas son as claves das que se está a falar nestas xornadas. Ao acto de inauguración asistiu o presidente de Portos de Galicia e a conselleira do Mar.

Rosa Quintana, conselleira do Mar: "Conseguir melloras e ter unhas infraestruturas que respondan a ter unha Galicia máis verde e tamén unhas instalacións portuarias que se integren perfectamente nas cidades das que forman parte".

O futuro dos portos pasa por ser quen de atender as necesidades da súa actividade sen poñer en perigo o equilibrio social e ambiental.

Noticias web

27/02/2019