CRTVG

Buscar

O total admisible de capturas de xarda baixará un 8% con respecto ao ano pasado

Publicado o 19/02/2021 20:02
O total admisible de capturas de xarda baixará un 8% con respecto ao ano pasado

O total admisible de capturas (TAC) de xarda para a frota española do Cantábrico e noroeste baixará un 8 % respecto ao ano pasado, e situarase ao redor das 28.400 toneladas, de acordo cos datos científicos difundidos este venres polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).

A repartición da xarda entre a frota española levarase a cabo nos próximos días e os pescadores "terán dispoñible" ese volume, "practicamente o total" da cota para 2021, cando os TAC sexan adoptados definitivamente, segundo o comunicado do Ministerio. 

A secretaria xeral de Pesca, Alicia  Villauriz, presidiu este venres a reunión do grupo de traballo da pesqueira da xarda no Cantábrico e noroeste, en que participan representantes dos buques de todas as artes e comunidades autónomas con interese neste caladoiro. 

Villauriz informou de que a cota inicial para España conseguiuse elevar, tras negociacións e coa aplicación de sobrantes de 2020. Ademais, de momento non se aplicará a dedución correspondente a 2021 da multa por sobrepesca, imposta en 2009, senón que se descontará cando se asigne a cota definitiva.