CRTVG

Buscar

"O testamento vital é, dalgunha forma, prolongar a nosa autonomía no momento en que xa non podemos tomar decisións"

Publicado o 23/09/2019 10:47

Son xa 9.000 os galegos que fixeron o testamento vital, un documento en que se poden deixar as instrucións previas ao falecemento.

Luz Campello, coordinadora dos traballadores sociais do CHUAC, explicou en directo no Bos días que se trata da dun "documento de instrucións previas. É deixar planificado que nos gustaría que fixesen coa nosa sáude ou noso coidado, se nalgún momento non podemos tomar decisións, e incluso despois do falecemento se queremos facer algo respecto á doazón de órganos, o corpo ou tamén respecto a rituais".

Entre esas decisións podemos pedir, por exemplo, que nos desconeceten dunha máquina ou que nos deixen de subministrar algunha medicación, "sempre e cando esteamos nunha situación de enfermidade irreversible e nun estado avanzado", di Luz Campello. "É, dalgunha forma, prolongar a nosa autonomía no momento no que xa non podemos tomar decisións. E tamén podemos deixar persoas referentes, interlocutoras, que axuden a tomar esas decisión en función dos nosos valores e desexos".

O proceso ten varias fases: "Primeiro hai que falar coa persoa, para que entenda ben en que consiste. Logo coñecer cales son as súas preferencias, para saver como lle gustaría que fose ese final. Todo iso rexístrase e xestionase no Rexistro Central que está na consellería de Sanidade. Cando alí se comproba que está en orde pasa ao historial do doente, e a el terá acceso o médico cando chegue ese momento", explicou Luz.

"Para poder facelo hai que ser maior de idade, e pódese facer nas unidades habitlitadas, nos distintos hospitais, nas delegacións territoriais do Sergas e na propia consellería. A idea é que chegue a todos os centros de saúde".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí