CRTVG

Buscar

O temporal trae neve nas montañas de Lugo e Ourense para despedir o ano

Publicado o 28/12/2020 14:27

O temporal Bella tamén se deixa sentir terra dentro e mesmo provocou que se activara un aviso por neve nas zonas de montaña das provincias interiores, aínda que na de Ourense non chegou a callar aínda nas zonas previstas.

A neve caeu por riba dos 1.000 metros, pero só callou na alta montaña, como aquí, na Canda, a 1.200 metros de altitude. As estradas amenceron limpas, con máis dificultades nas secundarias polo xeo que pola neve, pero así e todo hai que seguir pendentes durante todo o día porque o aviso amarelo continúa e está previsto que a cota baixe ao longo da tarde aos 900 metros. 

Máis neve atopamos xa desde primeira hora en Pedrafita do Cebreiro. Noutras circunstancias, en plenas vacacións do Nadal, un día coma o de hoxe levaría ata aló moreas de visitantes, moitos deles cativos, pero nesta ocasión non é así por mor das restricións de mobilidade ditadas pola pandemia. As primeiras folerpas do Nadal chegaban a pasada madrugada e deixaban imaxes para ledicia dos poucos que puideron achegarse a Pedrafita.

Está a nevar por riba dos 1.000 metros, e está previsto que así continúe ata mediados de semana. Unhas nevaradas que neste concello provocaron  a prohibición do tráfico de camións e vehículos articulados no alto do Poio. Ademais, xa na rede principal, desde primeira hora foi necesario circular con precaución pola autovía do Noroeste no treito que une Galicia con Castela e León. 

Está a nevar tamén con intensidade noutros puntos dos Ancares e tamén na comarca da Fonsagrada, onde hai que circular con precaución desde o alto da Fontaneira, en Baleira, ata a propia vila fonsagradina.

Neva e vai tamén moito frío. En Pedrafita e outros puntos dos Ancares os termómetros baixaron ata case os 3 graos negativos. De feito, Galicia despedirá o ano con moito frío por mor da masa de aire do Ártico que entrou nas últimas horas na nosa comunidade.

 

Noticias web

28/12/2020