CRTVG

Buscar

O temporal trae a Galicia neve, pedrazo, chuvias intensas e ondada

Publicado o 09/02/2021 20:40

• Deixa gabias, cortes nas liñas de tren e risco de rebordamento nos ríos da Terra Chá

A neve volveu complicar o tráfico en Galicia. Os camións que viñan dende Castela pola autovía das Rías Baixas tiveron que parar nas áreas de servizo mentres limpaban a vía. As estradas estiveron despexadas axiña, pero as montañas de Lugo e de Ourense continúan en aviso amarelo pola neve.

O aviso amarelo mantense ata as 6 da madrugada, por acumulacións de neve que poden superar os 5 centímetros en 24 horas. Espérase que a neve calle a partir dos 900 metros nas montañas de Lugo e Ourense. 

A neve volveu este martes ao interior de Galicia. A montaña de Lugo e a de Ourense están en aviso amarelo porque as acumulacións de neve poden superar os 5 cms. O maior perigo está nas estradas e por iso se reforza nelas a vixilancia. Sábeno ben os condutores e sobre todo os camioneiros, que nas últimas horas tiveron que poñer especial atención ao volante. 

Neve tamén en Manzaneda e, como ven, moito vento. Nesta zona as estradas están especialmente perigosas. Para acceder á estacion de montaña é imprescindible o uso de cadeas. En Pedrafita do Cebreiro as quitaneves aprovisiónanse de sal no centro de mantemento de estradas. Aquí a xente está afeita ao frío. Pero conducir con este tempo non lle gusta a ninguén.

Á marxe dos perigos e do frío, a neve deixa unha estampa espectacular en Pedrafita. Unha beleza que nunca deixa de sorprendernos.

O temporal trae chuvia e sarabia  

Hoxe tamén tivemos chuvia, e mesmo sarabia. En Santiago de Compostela o pedrazo  e a chuvia mesmo provocaron varios incidentes nas estradas. en Alfoz, na Mariña, a chuvia afundiu parte dunha estrada. Nalgúns puntos das provincias da Coruña e de Pontevedra acumuláronse máis de 40 litros de auga por metro cadrado.

Aviso laranxa na costa por ondas de máis de cinco metros  

Tmén hai mal tempo no mar. Todo o litoral galego está en aviso laranxa polas ondas, que poden superar os seis metros. 

No porto de Malpica algúns barcos saían esta tarde traballar. Os mariñeiros preparábanse sabedores de que co paso das horas a situación irá complicándose, mentres a redeira apuraba a amañar a rede para botala ao mar.

Desde as oito do serán o aviso subiu a laranxa pola combinación da forza do vento e, sobre todo, o mar de fondo con ondas que poden chegar a superar os cinco metros de altura nas próximas horas. O temporal afecta a toda a costa das provincias de Pontevedra e da Coruña.

No litoral atlántico o aviso laranxa continuará ata o mediodía deste mércores.

O Entrimo rexistrou 59 litros por metro cadrado 

A chuvia non dá tregua e hoxe mesmo con pedrazo. Esta sarabiada caeu hoxe pola tarde en Santiago, onde se recolleron 35 litros por metro cadrado. Na provincia de Pontevedra acumuláronse 40 en 12 horas, pero bateron esta marca os 59 litros do Entrimo ou os 49 de Cerdedo. A chuvia afundiu unha estrada en Alfoz, na Mariña luguesa. Mañá mércores teremos un pequeno respiro durante o día, pero pola noite entra unha nova fronte con máis precipitacións.

Os ríos ao límite na Terra Chá

E mentres en Lugo están moi pendentes da situación dos ríos porque van ao límite da súa capacidade. Sobre todo nalgunhas zonas da Terra Chá, como esta, onde a auga xa asolaga pistas secundarias e leiras. A situación pode empeorar con vistas aos vindeiros días, xa que seguirá chovendo conintensidade ata o venres, como mínimo.


Cortes e transbordos na vía do Miño por tres incidencias diferentes 

A liña ferrovaria do Miño sufriu este martes tres incidencias que provocaron, cortes de circulación, atrasos e transbordos de viaxeiros, informaron fontes sindicais. A primeira incidencia produciuse ás 7.00 horas coa caída dunha árbore entre O Porriño e Guillarei, o que provocou o corte da circulación ata as 9.30 horas.

Cara ás 10.00 horas, concretan fontes da CNT, a plataforma da vía cedeu antes da estación de Frieira, polo que o operador Renfe estableceu un plan alternativo de transbordos en autobús entre Arbo e Filgueira. Nese punto xa se produciu unha incidencia similar o pasado mes de decembro.

Por último, sobre as 12.00 horas, o tren 624 Galicia-Barcelona enganchou o seu pantógrafo na catenaria á saída da estación de Barra de Miño, provocando a avaría da liña eléctrica do convoi. Os viaxeiros foron transbordados a un tren diesel para continuar a súa viaxe.

A CNT atribúe estas incidencias, que suma ás do pasado decembro, á "precaria situación" da liña entre Vigo e Monforte, por unha "carencia importante de mantemento e de investimentos" para a súa mellora. A CXT lembra que o comité de empresa de Adif, no que tamén están CCOO, UXT e SF, convocou varias xornadas de folga a partir do 26 de febreiro por carencias de persoal nas áreas de regulación da circulación e no mantemento da infraestrutura, entre outros motivos. 

 

 

Noticias web

09/02/2021