CRTVG

Buscar

O temporal sacode con forza e trae neve, chuvia e vento con alertas na montaña e no litoral

Publicado o 16/12/2019 14:52

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou a alerta laranxa por neve na montaña de Lugo e Ourense.

Ademais, segue vixente a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral, con mar combinado do noroeste con ondas de 5 a 6 metros que poden alcanzar temporalmente os 7 metros.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e clubs náuticos, entre outros, co fin de que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

No caso de nevadas, recoméndase evitar as viaxes en automóbil sempre que non sexan necesarios e levar sempre co depósito de combustible cheo. Tamén se recomenda usar a roupa e calzado adecuado, evitar que persoas maiores saian á rúa e ter a man lanternas e cadeas.

Debido ao temporal costeiro, recoméndase permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Ademais, é necesario evitar achegarse a diques, rompentes, espigóns, portos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar e vixiar posibles caídas de obxectos de balcóns e xanelas.

Desprendementos

Un desprendemento de terra en Vigo e a caída dunha árbore en Caldas interromperon esta mañá a circulación na AP-9 e na Nacional 550.

Un dos cortes de vía tiña lugar neste punto. Na AP-9, á altura do quilómetro 160, en Cabral, produciuse un desprendemento pouco antes das 6 da mañá. Isto obrigou a cortar a saída en dirección a Tui, para que os operarios puidesen realizar traballos de retirada da terra que caeu sobre a calzada. Por outra banda en Caldas, na Nacional 550, na variante en sentido Santiago, tamén está a haber problemas de circulación debido a un desprendemento e á caída dunha árbore, que invadiu a estrada. 

Houbo deprendementos tamén entre Ribadavia e Barbantes que afectaron a liña férrea. A vía arestora está liberada pero o Alvia procedente de Pontevedra con destino Madrid vai cun atraso de máis de dúas horas. 

Varios ríos do país están en alerta pola enchente a causa da chuvia

As piscinas de Oira e os camiños á beira do río Miño están asolagados, porque o río máis grande galego chegou na Peroxa ao nivel vermello de alerta, ou seu paso pola cidade de Ourense está en prealearta.

En Baños de Molgas unha vez máis a auga enche as piscinas e a área recreativa, anegando os baixos do balneario e do hotel ao pé do río Arnoia. E obrigou a cortar as estradas que comunican cos Milagres, a Vide e Foncuberta.

E é que este outono está sendo moi chuvioso, na Confederación Hidrográfica do Miño Sil recolléronse 560 litros por metro cadro dende outubro, o dobre da media. E seguen dando choiva. Aquí vixían minuto a minuto o estado dos ríos da cunca.

Destacable tamén a enchente do río Avia na súa confluencia co Miño en Ribadavia, onde Protección Civil xa está tomando precaución despois de chegar ao límite de prealerta, nivel laranxa.

Tamén o Támega vai a piques de rebordar e a Limia está enchoupada. Vai moi cheo o Miño en Lugo, e moi pedentes nesta provincia do río Ladra, do Azúmara e do Neira. En Pontevedra, preocupan o río Lérez, do Umia e Verdugo. O Eume e Mandeo na Coruña.

Os afectados polos anegamentos en Pontevedra fan limpeza e avalían os danos

En baixos e sotos das rúas Fernando Olmedo e Casimiro Gómez de Pontevedra seguían esta mañá coas secuelas do anegamento que sufriron este domingo de madrugada. A rúa anegouse e entrou nos locais, como neste restaurante, hoxe enxoito, pero despois dun longo domingo de traballo de limpeza.

Roberto Ruibal, dono dun restaurante: "Chamei ao seguro, din que llo pasarán ao Consorcio, pasando a pelota dun a outro para pagar tarde e mal. Tivemos que traballar duro para hoxe empezar a facer algo. Onte tiven que anular todas as reservas que tiña de comidas de Nadal e demais, nin cociña acendida nin nada".

O garaxe do 18 foi outro dos puntos de grande acumulación de auga, pois chegaba á altura do cadro de mandos de sete coches. Aquí xa lembran tres episodios similares ao vivido onte, porque ao lado do edificio pasa o regato de Valdecorvos. Os prexudicados quéixanse de que o concello no solucione o problema e din que de alí os mandan reclamar a Augas de Galicia.

Jesús Almón explica que "fomos a Vigo cando foi da anterior e mandaron un perito. Cando viu isto preguntoume quen mandara meter a tubaxe de fecais polo medio do leito. Eu díxenlle que preguntara no Concello. Dixo que iso estaba prohibido, pero que non me preocupara porque entre o Concello e Augas de Galicia arranxarémolo. Estamos falando de que pasaron 13 anos, cando merquei o coche anterior, porque este ten dous meses. Así que, xa me contarás. O concello?. Vas alí e, coma sempre, catro desculpas polo medio e mándante a Vigo".

Outros veciños da zona da Seca seguen con atrancos tras o asolagamento.

"Agora o elevador está bloqueado, porque está cheo de auga. Ata que veñan arranxalo non queda outra que subir aos pisos polas escaleira", di un home.

E tamén hai quen mostra fastío polos prexuízos que atribúen a unhas obras que levaron toda a drenaxe cara ao regato, como Ignacio Portas: "Aí enriba, en Valdecorvos urbanizaron todo e a auga vén para o regato. Cando fixeron a obra do tren tamén canalizaron cara aquí. Entón e como se non tivesemos garaxe, porque o coche témolo que deixar fóra".

No garaxe de Ignacio, algún usuario instalou unha plataforma metálica para ter elevado o coche en previsión de calquera enchente imprevista do regato.

A nova duna de Riazor non resistiu

E na Coruña, a forte ondada desgastou parte da duna da praia de Riazor. Unha duna que xa aturou catro temporais seguidos, con aviso laranxa, en catro días diferentes. Na zona da Coiraza, que é onde máis bate, si aguantou. Non así entre a fonte das Catalinas e o hotel Riazor. Aquí, as ondas mesmo arrastraron a area ao paseo marítimo, malia que si evitou que chegase á auga. É máis, no burato construído recentemente acumulouse máis dun metro de altura de auga.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/12/2019