CRTVG

Buscar

Dora deixa sen clase a 1.600 escolares e causa máis de 300 incidencias nas estradas

Publicado o 04/12/2020 20:41

• Houbo máis de 40 accidentes nas últimas horas, ningún grave

• Houbo refachos de máis de 100 km/h e ondas de 8 metros no litoral da Coruña, que este sábado continuará en aviso vermello

• A montaña de Ourense e Lugo seguirán en aviso amarelo

O litoral da provincia da Coruña permanecerá en alerta vermella este sábado, xornada na que se mantén o aviso amarelo por neve en zonas de Lugo e Ourense. Así se desprende da información de Meteogalicia, que sinala que a alerta vermella por mar combinado con ondas de ata nove metros estará decretada desde a Costa da Morte ata A Mariña desde as 3,00 horas da madrugada ata as 15,00 horas.

Neste momento, o aviso pasará a laranxa, cor no que permanece o litoral de Pontevedra. Pola súa banda, as zonas de montaña de Lugo e Ourense continuarán en aviso amarelo por neve, un fenómeno que este venres deixou máis de 300 incidencias en Galicia.

O temporal que azouta este venres a Galicia, con fortes choivas e vento e mesmo neve, deixou a 1.663 nenos sen clase e causou numerosas incidencias nas estradas da comunidade, moitas delas accidentes de tráfico sen feridos de gravidade, como os oito menores atrapados nun autobús no municipio coruñés de Toques.

O noroeste e oeste da provincia da Coruña están en alerta vermella desde esta madrugada por temporal costeiro e ondas de 9 metros, mentres que o resto do litoral galego permanece en alerta laranxa e o interior da comunidade seguirá nun nivel de aviso amarelo por nevadas, por mor da borrasca atlántica Doura, que ten en alerta a case toda España.

Estas precipitacións en forma de neve obrigaron suspender a actividade lectiva en 21 centros de educación en Galicia, 14 deles na provincia de Lugo, e quedáronse sen clases un total de 1.663 alumnos

Case 300 incidencias foron rexistradas en Galicia desde as 18,00 horas deste venres relacionadas co temporal que afecta á comunidade. Por provincias, a de Lugo foi a máis afectada, con 109 incidencias inscritas. Ademais, na Coruña rexistráronse 79, seguida de Pontevedra con 72 e de Ourense, con 37 incidencias.   

A maior parte destas estiveron relacionadas con dificultades ocasionadas pola neve (162). Tamén as árbores ou ramas caídos nas estradas representan unha boa porcentaxe dos avisos xestionados (58).   

 O 112 Galicia sinalou que as condicións meteorolóxicas adversas tamén puideron influír no número de accidentes rexistrados este venres, maioritariamente, sen feridos.   En concreto, nas últimas horas rexistrados un total de 40 accidentes, ningún deles de consideración. 

O 112 destacou que en Beariz, ás 15,30 horas, o chofer dun quitaneves informou ao 112 Galicia de que chocara contra un turismo, na N-541, preto do quilométrico 50. Neste caso, a condutora do coche necesitou ser atendida polos servizos sanitarios de urxencia. 

 Por outra banda, ás 15,30 horas rexistrouse unha colisión múltiple con tres vehículos implicados en Xunqueira de Espadanedo (Ourense) debido á neve. O accidente tivo lugar no alto do Couso . Afortunadamente, ningún dos ocupantes dos vehículos resultou ferido.   

Así mesmo, minutos antes das 16,00 horas, un muro caeu sobre un coche aparcado en estacionamento municipal de Lugo, sen causar danos persoais.   Ademais, ás 16,15 horas, o persoal

Xa na mañá un autobús no que viaxaban oito menores e que non puido continuar o camiño canto circulaba polo municipio coruñés de Toques por mor da neve. Os propios axentes da Garda Civil evacuaron os nenos do autobús e leváronos aos seus domicilios ou ao centro escolar, segundo cada caso, en perfecto estado de saúde, de maneira que evitaron que os pais se desprazasen ao lugar e quedasen tamén atrapados pola neve.

Por provincias, Lugo é a máis afectada pola acumulación de neve en máis de 120 estradas de 19 municipios da Montaña, a Terra Chá e a Zona Sur, onde 96 operarios con 20 máquinas quitaneves e 12 vehículos todoterreo de apoio, entre outros medios, traballan para despexar as vías. Tamén nesta provincia, un camión quedou cruzado na estrada á entrada da Fonsagrada, onde a neve acumulada alcanzaba os dez centímetros de altura, polo que a circulación quedou temporalmente interrompida na estrada LU-530.

Na Autovía do Noroeste (A-6), onde houbo que "embolsar" camións e articulados en varios puntos, xa se pode circular con precaución polos puntos máis conflitivos a pesar das dificultades que provocou a neve á primeira hora da mañá, e rexistráronse restricións na Nacional 540 ao seu paso pola capital lucense, do mesmo xeito que a autovía Lugo-Santiago, entre os quilómetros 12 e 17, á parte doutras vías.

Na cidade de Lugo, o Concello activou un dispositivo especial de seguridade como consecuencia das precipitacións en forma de neve que caeron de madrugada e ao longo de toda a mañá.

Tamén na Coruña, pero por fortes ventos e ondada, o Consistorio decidiu pechar parques infantís e xardíns ata o vindeiro luns debido ao temporal costeiro, e apunta a un posible peche do Paseo Marítimo, pois as praias e a Torre de Hércules están xa pechadas. Cancelou así mesmo a súa asistencia á inauguración hoxe mesmo no Obelisco da exposición (É) Pazo Meirás debido ao temporal de vento, aprazada pola organización

. As intensas choivas convertidas en saraiba á primeira hora desta mañá callaron na cidade herculina, cubrindo estradas, beiravías e xardíns cun manto branco en zonas como Feáns.

Aínda que parece que remiten os fortes ventos, esta mañá chegaron a alcanzar o 105.3 km/ h en Malpica de Bergantiños (A Coruña), a ondada mantense nos oito metros fronte á costa coruñes.

Neve por riba dos 500 metros na provincia de Ourense

As máquinas quitaneves non pararon de traballar en toda a xornada para limpar as estradas onde a neve complicou a circulación como na OU-536, no alto do Rodicio

A rede viaria principal da provincia de Ourense quedou limpa e a xente animouse a ver a primeira nevada da tempada.

Ademais da intensa nevarada que callou por riba dos 500 metros en boa parte da provincia as pracas de xeo complicaron a circulación. Os principais problemas estiveron na OU-540 no alto do Vieiro, en Bande.

Houbo varias saídas de vía e o principal problema tivérono os camións para circular.

A circulación foise normalizando ao longo da xornada e autovía A-52 en dirección á meseta quedou tamén limpa.

A nevarada causou problemas en estradas luguesas

1.109 alumnos de 22 centros de ensino da provincia de Lugo quedaron hoxe sen poder ir a clase por causa da nevarada. Nas autovías A-6 e A-54 á altura da capital mesmo se chegou a cortar o tráfico a primeira hora, como sucedeu na vía entre Pedrafita e Triacastela toda a mañá. En seis estradas prohibiuse a circulación de camións logo de producirse varias saídas de vía. En Guitiriz, As Nogais e a Fonsagrada tamén houbo restricións ao paso de vehículos pesados.

Ademais de incidencias, a nevarada tamén permitiu desfrutar ao aire libre e esquecer por unhas horas a pandemia.

No Corgo a nevarada causou cortes na subministración eléctrica que se prolongaron por máis de cinco horas. Para a xornada de mañá, a cota de neve vai subir dos 500 aos 700 metros.

A AG-53 tivo que ser cortada ao tráfico ao mediodía

Aínda que era esperada, a nevarada caída en Dozón sorprendeu a moitos dos que viven ou traballan nesta zona, entre os altos de San Martiño e de Santo Domingo

Dúas máquinas quitaneves traballaron arreo para manter a estrada transitable, aínda asíi houbo quen preferiu non arriscarse.

Malio traballo das quitaneves, a autovía AG-53 tivo que ser cortada debido a que varios vehículos quedaron atravesados. Tamén un transportista quedou parado no alto do Faro ata a chegada das quitaneves. No interior da provincia da Coruña, 74 escolares dos concelos de Sobrado dos Monxes e de Toques quedaron sen clase a causa da neve.

Aviso vermello no litoral da Coruña; mañá tamén na Mariña

As ondas bateron con intensidade na costa e chegaron a superar os 8 metros de altura. No paseo marítimo da Coruña policía local e protección civil activaron un dispositivo de seguridade. As ondas finalmente non acadaron o paseo agás na zona das Esclavas á que non se podía acceder desde primeira hora da mañá. Pola tarde si se pechou por precaución un treito do paseo á altura da coiraza do Orzán coindindo coa preamar.

O vento do noroeste e mar de fondo tamén se deixaron notar na Costa da Morte. En Malpica rexistráronse refachos máximos superiores aos 100 km/h e as ondas roldaron os 8 metros e medio de altura en Cabo Vilán. Unha situación que obrigou á frota a quedar amarrada a porto.

As ondas e o vento viñeron acompañados amais dunha baixada das temperaturas. O aviso vermello no mar manterase durante toda a xornada deste sábado polo que as autoridades insisten na importancia de respectar as normas e ser prudentes.

No resto da costa galega a situación é menos severa. Nas Rías Baixas e na Mariña o aviso activo é laranxa. As ondas, de media, superaron os 8 metros de altura. En cabo Silleiro, en Baiona, pasaron dos oito metros e medio. Mañá as Rías Baixas seguen en aviso laranxa, pero a situación marítima complicase na Mariña. Alí activarase o aviso vermello.

Noticias web

04/12/2020