CRTVG

Buscar

O temporal deixa ondas de ata sete metros, refachos de 100 km/h e chuvia intensa

Publicado o 06/03/2019 16:43

• A maior parte da frota permanece amarrada, con aviso laranxa na costa da Coruña e Pontevedra. Tamén hai aviso laranxa por vento na Mariña de Lugo e no noroeste da Coruña

• A borrasca Laura deixa un regueiro de incidencias

O temporal altera o enterro do Entroido

A maior parte da frota permanece amarrada en Galicia polo temporal, que deixa ondas de case 7 metros de altura, vento de máis de 100 quilómetros por hora e ata 41 litros de auga acumulada en localidades como Entrimo. Deste xeito, só saíron ao mar parte dos barcos da Mariña, como os da confraría de Burela, tendo en conta que as costas das provincias da Coruña e Pontevedra permanecen este mércores en aviso laranxa por ondas de 6 a 7 metros. Así, segundo confirmou Europa Press, a maior parte das embarcacións de pesca permanecen amarradas nos portos do Barqueiro, Ferrol, A Coruña, Porto do Son, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

O temporal tamén se notou en terra, onde a intensa choiva rexistrada no que vai de xornada acumulou xa 41,1 litros por metro cadrado en Entrimo (Ourense) e 33,7 en Fornelos de Montes (Pontevedra). Ademais, rexistrouse vento de ata 108,3 quilómetros por hora en Punta Candieira, en Cedeira (A Coruña), e de 100,8 na cabeza de Manzaneda (Ourense)

Aviso laranxa por vento

Precisamente, este mércores, a Dirección xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou o aviso laranxa por vento na Mariña de Lugo e o noroeste da provincia da Coruña. E é que, segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir das 11,00 horas espérase vento con refachos que poden alcanzar os 100 quilómetros por hora nestas zonas.

Pontevedra
A chuvia volveu ser protagonista este mércores. Tras o paso de Laura, que deixou un regueiro de incidencias na provincia de Pontevedra, a situación recupérase pouco a pouco. A zona do Baixo Miño foi unha das máis afectadas. Aquí en Tui os chuvascos foron moi intensos e chegaron a recollerse 50 litros por metro cadrado. Hoxe o paraugas era indispensable.

En Fornelos de Montes, os rexistros de auga tamén foron significativos. 60 litros por metro cadrado. Na costa os refachos de vento tamén se notaron. En Oia, esta madrugada chegaron en zonas altas aos 120 quilómetros á hora. No mar, a partir das seis de esta tarde, o aviso será laranxa con ondas que poderían chegar aos seis metros de altura.

A Coruña

A provincia da Coruña, con 110 incidencias, é a máis castigada polo temporal que afecta toda Galicia. Foron problemas de escasa consideración, pero o mal tempo fixo que a maior parte da frota coruñesa permanecese amarrada. O aviso amarelo está a provocar que xa se reistraran refachos de vento de ata 108 quilómetros por hora en lugares como Punta Candieira, en Cedeira. Na Mariña luguesa, pola contra, si saíron pescar gran parte das embarcacións, pero está previsto que esta tarde amarren xa que se agardan ondas de seis a sete metros.

Lugo

Na provincia de Lugo, o 112 rexistrou once incidencias. A maioría delas por caídas de pólas, como ocorreu neste parque de Viveiro. Agárdase que hoxe o vento poida superar os cen quilómetros por hora. A entrada de aire frío vai provocar ademais chuvascos fortes e tamén a volta da neve en cotas superiores aos 1.000 metros na montaña de Lugo.

Na Barbanza, os refachos alcanzaron 117 quilómetros por hora
A inestabilidade seguía a marcar o panorama atmosférico na zona da Barbanza esta mañá, pero cunhas condicións moito menos adversas que as vividas onte á tarde e pola noite. Daquela queda esta pegada, cos anacos dunha ducia de placas de fibrocemento que o vento arrincou da fachada lateral dun edificio no centro de Ribeira. Nesta área, como en distintos puntos de Galicia, houbo refachos de máis de cen quilómetros por hora.

Carlos Otero, preditor de MeteoGalicia: "Eses 120-130 quilómetros por hora que se rexistraron no monte Xesteira e de 117 en Muralla, na Barbanza, ou os máis de 90 quilómetros por hora. O vento fortes tamén veu acompañado de chuvia".

O preditor de Meteogalicia adianta que despois dos efectos máis intenso da borrasca Laura, a situación é bastante máis tranquila, pero sen que se afaste a inestabilidade, reflectida en chuvascos intermitentes. Explica o meteorólogo que segue o frío en altura e de aí a inestabilidade atmosférica.

A chuvia foi ben recibida en Ourense
O sur por chuvia e a montaña do extremo oriental por vento son as zonas da provincia de Ourense máis afectadas por este temporal. Nos concellos de Lobios e Entrimo acumuláronse nas últimas trinta e seis horas case cen litros por metro cadrado. Unha auga que non causou danos nin asolagamentos, pero que si é moi benvida en áreas agrícolas como A Limia.

Unha chuvia que contribúe a encher os acuíferos que abastecen os pozos e tamén limpa a contaminación ambiental, despois de varias semanas de seca. Ás catro desta mañá desactivouse o aviso laranxa por forte vento no terzo leste da provincia. O refacho máis forte rexistrouse na estación de Lardeira, próxima a Trevinca, con 138 quilómetros por hora.

A chuvia veu ben tamén para encher os encoros, que recuperaron en algo máis dun un por cento o nivel de auga encorada, é un seis por cento máis que o ano pasado por estas datas, pero está aínda por debaixo da media histórica.

Nas vindeiras horas seguirá chovendo, pero xa con menos intensidade.