CRTVG

Buscar

O temporal de vento e chuvia golpea a costa e o interior de Pontevedra

Publicado o 02/02/2021 14:50

Chove sobre mollado e hai lugares nos que, coa que caeu, parece que xa teñen máis ca dabondo: "Coa peste que temos enriba e con esta chuvia, mal de todo". "Estamos moi cheos de auga; isto ten que cambiar e darnos un descansiño, porque a roupa non seca". 

De momento vai ser difícil que seque porque as previsións son que siga chovendo de maneira persistente ata as doce desta noite. A metade leste de Galicia está en aviso amarelo por precipitacións. Nos concellos montañosos do interior de Pontevedra o aviso é laranxa, porque as descargas, amais de continuadas, poden ser especialmente intensas nalgúns momentos. Así que haberá que ter especial coidado á hora de conducir ou facer traballos no exterior.

"Que se lle vai facer!". "É moi aburrido porque son moitos días". "Sobre todo, para os nenos e para as persoas maiores, por riba de que nos teñen encerrados". "Pero a chuvia é normal, lévase ben!".
Máis vale tomalo así, sobre todo na costa, onde seguen con aviso laranxa por ondas e hoxe tamén por vento, que pode acadar refachos de ata oitenta quilómetros por hora na zona de Fisterra.

Pero, con todo, este non deixa de ser un temporal máis, un dos tantos que manda o Atlántico cada inverno. E por moito que a algúns lles pareza que choveu moito, os encoros galegos están ao 70 % da súa capacidade, oito puntos por baixo do que estaban o ano pasado por estas datas. De momento toca poñerse a cuberto e procurar levalo ben.

"Como non se pode saír pois tápaste, fas un chocolatiño e tamén se está ben". "Non queda mais remedio!".


 

Noticias web

02/02/2021