CRTVG

Buscar

O temporal de neve seguirá en Lugo e podería deixar folerpas no interior da Coruña

Publicado o 06/02/2018 21:02

 

A vaga de frío continúa deixándose notar en toda Galicia pero a provincia máis afectada é a de Lugo. Un dos puntos onde se prevé que chegue a neve é Vilalba.

A situación non mellora. Esta madrugada entra unha nova fronte que ademais de chuvascos baixa a cota de neve ata os 200 metros. Ante estas previsións hai activado un aviso amarelo por neve en boa parte dos concellos do centro da provincia e aínda que arestora non se rexistran complicacións nas principais estradas con vistas á vindeira xornada cómpre estar atentos ao que poida vir e extremar precaucións, especialmente en vías secundarias.

Hoxe a neve deixou sen clase 700 escolares da provincia pero aínda que esta última nevado foi moi grande din os veciños que dista moito das nevadas de antano.

A comarca da Fonsagrada foi desta volta a máis afectada pola neve na provincia de Lugo. Na zona sinalan que había moitos anos que non caía unha nevada tan grande, con todo, os máis maiores din que isto nada ten que ver coas nevadas de antes. Agora afloran os recordos e os veciños lembran como entre os anos 50 e 60 quedaban illados es pequenas aldeas coma esta de Vilar de Adrios, en Baleira.

Aquilo era para eles habitual, estaban afeitos, pero pasaron máis dun apuro cando alguén se poñía enfermo en pleno temporal.

Agora din que os tempos mudaron moito. O que máis e o que menos ten vehículo todoterreo e hai moitos medios para limpar as estradas polo que as historias do pasado quedan agora en curiosas anécdotas.

A neve podería chegar tamén mañá a unha provincia onde están menos afeitos a ela, á da Coruña; concretamente aos concellos do interior. 

O frío destes días apenas deixou neve na provincia da Coruña, -onte por exemplo nevou en Melide- pero o feito de que mañá a cota se rebaixe ata os 200 metros fai que os concellos do interior da provincia, como este de Curtis, estean xa preparados ante as posibles complicacións que lles poida ocasionar a neve tanto a condutores como ao resto de veciños.

O aviso amarelo está activado dende esta madrugada ata o mediodía de mañá. A fronte que entra nas próximas horas deixará precipitacións dende o norte ao sur da provincia, polo que o alcance das nevadas dependerá de ata onde "baixen" eses chuvascos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/02/2018