CRTVG

Buscar

O temporal colapsa Madrid, deixa dez provincias en alerta vermella e pecha Baraxas

Publicado o 09/01/2021 10:23

• Madrid en situación "moi grave" con 60 cm de neve

• A UME rescata centos de condutores atrapados nas estradas

• Renfe suspende os trens coa orixe e destino en Madrid e Baraxas suspende a actividade

 

As nevadas históricas do temporal Filomena deixan máis de 400 estradas afectadas, das que 60 están pechadas, o que se converte nun pesadelo para centos de cidadáns atrapados, con Madrid como epicentro do colapso. Precísanse cadeas para circular pola cidade, non funciona o servizo de autobuses públicos e suspendeuse a recollida do lixo. Trátase da maior nevada dos últimos 40 ou 50 anos con imaxes que non se viran na cidade como esquiadores na Porta do Sol.

Renfe suspende todos os trens con orixe e destino Madrid

Centos de condutores seguen atrapados este sábado nas autovías en Madrid coa Unidade Militar de Emerxencias traballando no seu rescate. O aeroporto de Baraxas suspendeu toda a súa actividade este sábado e Renfe cancela todos os trens coa orixe ou destino en Madrid.

Emerxencias 112 cifrou nun milleiro os vehículos rescatados nas últimas horas. Tamén quedan moitos camioneiros retidos en distintas provincias nas estacións de servizo ante a prohibición de circular durante a fin se semana nas provincias afectadas pola nevarada.

Ao longo de toda a xeografía española repetíronse os cortes de estradas, os chamamentos das autoridades para evitar desprazamentos innecesarios e a suspensión de numerosas actividades, entre elas as deportivas.

En Castela-A Mancha, unha das rexións máis afectadas polas nevadas, atópanse cortadas máis dun centenar de estradas tanto da rede principal como da secundaria, e cinco están pechadas totalmente na secundaria, catro na provincia de Ciudad Real e outra en Toledo, en cuxa capital foi necesario o uso de cadeas no centro urbano. A capital toledana pediu axuda á Unidade Militar de Emerxencias (UME) para volver poñer en marcha o transporte urbano, practicamente paralizado pola nevada.

En Andalucía producíronse cortes de estrada por neve e xeo e un pai e o seu fillo menor de idade foron trasladados ao hospital Punta Europa de Alxeciras (Cádiz) tras sufrir feridas de consideración ao caerlles enriba un muro. Ademais, suspendeuse o tráfico de camións en Xaén en sentido Madrid polo temporal e condicionou a apertura da estación de Sierra Nevada, que ofrece só catro quilómetros esquiables polos fortes refachos de vento.

En Aragón, na provincia de Teruel suspendéronse as clases en 13 colexios e o mercadio ambulante do sábado; mentres o Concello de Teruel ofreceu aloxamento ás persoas sen fogar no albergue de transeúntes.

Na Rioxa atópanse pechados varios portos de montaña. En Asturias, a Aemet informou do risco de aludes nos Picos de Europa, que serán máis intensos na fin de semana e poden provocar avalanchas co perigo para persoas e vehículos.

Nas Canarias, o temporal de precipitacións e vento provocou o peche de estradas de acceso ao Teide pola Orotava e A Esperanza; así mesmo o desprendemento de rochas e terra deixou nos últimos días un centenar de incidencias na illa de Gran Canaria e nas últimas horas provocou o peche de tres estradas.

En Cantabria atópanse pechados tres portos pola neve. En Cataluña, o Govern pediu restrinxir ao máximo a mobilidade durante a fin de semana e que non se saia de casa se non é "indispensable e inaprazable", ante a previsión dun temporal "severo" de neve, vento e moito mar, polo que se prohibirá a circulación de camións de máis de 7,5 toneladas.

As fortes nevadas e a acumulación "excesiva" de neve ao longo da liña de Alta Velocidade Madrid-Conca-Valencia obrigou a Renfe a suprimir os catro últimos servizos deste venres. Renfe estableceu ademais limitacións de velocidade nas liñas de alta velocidade que unen Madrid con Sevilla, Málaga, Valencia, Alacante e Barcelona, pola borrasca Filomena, o que pode levar a demoras superiores aos quince minutos, segundo informou a operadora en Twitter.

No Estreito, onde hai aviso laranxa por moita ondada, quedaron suspendidas as saídas de barcos entre os portos de Ceuta e Alxeciras debido aos fortes refachos de vento na zona, que superan os 35 quilómetros por hora.

Ante o anuncio de nevadas máis intensas nas próximas horas as autoridades tanto locais, como autonómicas e estatais estableceron dispositivos especiais con quitaneves, toneladas de sal e servizos de emerxencias e rescate.

O Ministerio de Transportes dispuxo 1.305 máquinas quitaneves e 221.508 toneladas de fundentes para facer fronte ás nevadas en Andalucía, Aragón, Cantabria, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura, A Rioxa, Madrid e Rexión de Murcia.

O ministro de Transportes, José Luis Ábalos, asegurou que hai "suficientes medios" e ademais "funcionaron". "Non nos pillou por sorpresa, estaban claras as previsións e eu diría que se montou o dispositivo máis importante da historia neste sentido", sinalou en declaracións a Antena 3. Ábalos insistiu en que se eviten os desprazamentos innecesarios.



 

Noticias web

09/01/2021

Máis sobre actualidade