CRTVG

Buscar

O tempo húmido atrasa un mes a campaña do pemento do Couto

Publicado o 21/06/2019 09:15

A planta do pemento quere bo tempo, aire seco e calor. E as condicións desta primavera non axudan. Na parroquia de O Val, en Narón, onde se cultivan os famosos pementos do Couto, que non pican, levan un atraso dun mes.  Juan Fraga,  produtor de pementos do Couto: "O pemento está moi bonito, ten boa saúde, pero está atrasado. Estamos a ter unha primavera fastidiada con temperaturas suaves, auga, néboa e moita humidade, e o pemento poliniza mal e hai que tiralo."

Juan é un dos produtores acollidos á Indicación Xeográfica Protexida. Entrega a súa produción a trescentos metros escasos dos seus invernadoiros na Cooperativa de O Val, que é a encargada de comercializar estes pementos desde os seus puntos de venda e a través dunha plataforma para supermercados. Ana García,  Cooperativa de O Val: "A campaña aínda vai lenta. Un dos produtores trouxo 155 bolsas, outro 15. Imos arrancando pouco a pouco." A estas alturas calculan que deberían estar ao 70 ou 80 por cento da produción, pero non pasan do 20 por cento. Ana García, Cooperativa de O Val: "O ano pasado comercializamos 10.200 bolsas. A demanda é máis grande da que podemos atender. Deberiamos ter máis produtores. A ver se pouco a pouco conseguimos máis cantidade. Pero a calidade é boa." Juan Fraga,  produtor de pementos do Couto: "O mes está perdido xa. Agora, xullo e agosto, se veñen bos, pode producir moito pemento, e son meses de máis consumo, con turistas e demanda nos restaurantes." A pesar do atraso, contan con que esta campaña sexa mellor que a do ano pasado.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/06/2019