CRTVG

Buscar

O tempo do verán galego condiciona as reservas de última hora

Publicado o 29/06/2019 15:23

Esta fin de semana comeza a tempada estival cuns datos de ocupación hostaleira previsiblemente bos e que dende o sector agardan que acaden cifras cando menos similares ás do ano pasado. Estímase que en xullo a ocupación roldará o 85% e en agosto un 95%. Baixa o número de vacacionistas estranxeiros, pero sobe o dos nacionais.

O presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, sinala que "dende logo a climatoloxía é algo que inflúe". Esas reservas de última hora fan que haxa uns picos dun 5 a un 10% de variación con respecto ás cifras que podemos estimar. Ao turista estranxeiro este ano estáselle abrindo unha oferta moito máis diverificada aos países do Mediterráneo, Marrocos, Exipto. Dende logo, volven outra vez a contra atacar con esas grandes ofertas para as vacacións estivais, pero, con todo, o turista nacional reinverte a tendencia do turista internacional e vén a Galicia".

Jorge Sanmartín, director de Relacións cos Clientes do hotel Augusta Spa Resort, afirma que hai "unha clara diferenciación: o turismo vacacional, que é máis español e portugués e despois de Francia, alemán e inglés, sobre todo, tamén veñen polos tratamentos de medicina integrativa. Estamos xa dende hai varias semanas pacticamente cheos, todos os días. A ocupación é moi moi alta, é difícil atopar cuarto. E este ano as expectativas son mellores, o cliente está facendo as reservas con máis antelacion que outros anos...".

O tempo será o condicionante das reservas de última hora, aínda que dende algún establecemento sinalan que este verán a xente foi previsora e adquiriu a súa praza nos hoteis con tempo, especialmente nas Rías Baixas, onde todo parece indicar que moitos colgarán o cartel de completo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/06/2019