CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

O teletraballo permite a conciliación familiar e laboral

Publicado o 16/04/2015 21:17
Mañá celébrase en Santiago un congreso internacional sobre o dereito laboral do traballo a distancia, pero hoxe coñecemos a experiencia dunha empresa galega que xa o aplica

O teletraballo comeza a estenderse entre as empresas españolas, pero lentamente. Desde mañá celébrase en Santiago un congreso internacional sobre o dereito laboral do traballo a distancia. Hoxe coñecemos a experiencia dunha empresa galega que o aplica.

Borja é da Coruña ten 35 anos e traballa como técnico de redes. Está na súa oficina, que tamén é a súa casa. De cando en vez ten que pasar pola empresa Softtek nas oficinas da Coruña. Pero habitualmente está aquí. Ten horario de 8 a 5, co seu ordenador e, se quere, en zapatillas.

"Son unha persoa que me gusta durmir moito. Érgome ás oito menos cinco para ir traballar e ás oito estou no traballo", di Borja.

O teletraballo é unha opción cada vez máis estendida que permite a conciliación da vida familiar e laboral. Preguntámoslle a Borja se ten inconvenientes.

"Cústame atopar algún inconveniente. Hai moi poucos. Si é obrigatorio ser responsable", asegura Borja.

Traballa para un cliente americano, ao que lle controla o funcionamento das súas redes en Europa. Outros compañeiros fan o propio desde México e A China noutros horarios. Borja si ten claras as vantaxes do teletraballo.

"Estás na túa casa, podes poñer a túa música e podes estar en zapatillas. Eu son solteiro e non teño fillos pero compañeiros que os teñen, valórano moitísimo", conclúe Borja.

O traballo a distancia, conclúen os que o coñecen, esixe máis responsabilidade, pero dá máis liberdade.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

16/04/2015