CRTVG

Buscar

O teletraballo creceu máis dun 70 % no 2020

Publicado o 17/03/2021 20:52

Un informe da empresa Adecco sinala que actualmente son 2,86 millóns de españois os que traballan dende a súa casa. E ao longo de 2020 foron máis de tres millóns e medio de persoas as que realizaron teletraballo.

A cifra supón un incremento do 74 % respecto do ano 2019 cando menos do 8 % dos traballadores recorrían a esta modalidade laboral. Sen dúbida, a pandemia foi a gran causante do aumento do teletraballo pero os especialistas sinalan que a fórmula chegou para quedarse. En Galicia as cifras están na media do estado.

"Galicia conta con 129.000 persoas en teletraballo. 32.500 máis que hai un ano. Agora un de cada oito galegos fai teletraballo", explica Javier Blasco, director Do Adecco Group Institute.

O incremento do teletraballo colleu o mercado laboral con escasa lexislación ao respecto. Non está claro a quen corresponde afrontar os gastos derivados da tarefa ou o cumprimento das quendas de traballo. Así, agárdase que en breve se redacten normativas máis completas.

"A lexislación está evoluíndo lentamente, pero a pandemia vai obrigar a que se traballe cada vez máis no eido xurídico", sinala Alberte Rodríguez Feixoo, avogado laboralista.

A distribución do teletraballo é desigual en España, concentrándose o 70 % do total entre Madrid, Cataluña, Andalucía e Valencia. Os expertos din que a desescalada non levará a unha redución significativa do traballo dende a casa.

Noticias web

17/03/2021