O teletraballo anima a trasladarse ás zonas rurais desde as grandes cidades
Cambiar a gran cidade polo rural é unha decisión pola que moitos optaron xa entrada a pandemia e sobre todo despois de vivir o confinamento. O prezo da vivenda, o contacto coa natureza e a posibilidade do teletraballo son algunhas das vantaxes que atopan aqueles que mudaron a súa residencia a zonas rurais coma esta.
Tres meses levan Carlos e Bea vivindo en Xinzo de Limia. Antes tiveran casa en Barcelona, tamén en Madrid, mesmo tamén no estranxeiro. Pero chegou a pandemia e mudouno todo, tamén as súas prioridades.
Así que botando man do teletraballo instalaron a sede da súa pequena empresa de traducións na que foi sempre casa familiar de Carlos, na Limia. Aquí viven rodeados de natureza e, din, non lles falta de nada.
"Podemos disfrutar moito do aire libre, cousa que en Madrid saes e estás rodeado de moitísima xente", afirma Bea.
Agora só agardan que a situación sanitaria mellore para poder desfrutar dos arredores da Limia e achegarse con maior frecuencia a Portugal. Din que a súa intención é quedar aquí e gozar de todo o que teñen preto.