CRTVG

Buscar

O Constitucional suspende o pleno do Parlamento catalán do luns

Publicado o 05/10/2017 15:36

O Tribunal Constitucional suspende o pleno do Parlamento de Cataluña do vindeiro luns para evitar a posible declaración de independencia. A decisión é consecuencia da admisión a trámite do recurso de amparo que presentou esta mesma mañá o Partido dos Socialistas de Cataluña. 

O Tribunal ordena a suspensión pola "especial transcendencia constitucional" dese pleno, onde o presidente Puigdemont prevía anunciar os pasos a dar tras a votación do domingo, Segundo a CUP, entre eles estaría a proclamación da nova república. O PSC argumentaba que o risco dunha declaración de independencia suporía un quebrantamento da Constitución e un aniquilamento dos seus dereitos como deputados. O Tribunal comunicoulle a suspensión tanto á Generalitat como á presidenta do Parlamento catalán, a quen advirte das posibles consecuencias penais de desobecela. 

A presidenta do Parlamento catalán asegura que vai defender a soberanía da cámara, pero non aclara se pensa convocar ou non o pleno a pesar da decisión do Constitucional. O principal partido da oposición en Cataluña, Ciudadanos, xa adiantou que, en caso de celebrarse, non asisitirá, e Catalunya Sí que es Pot, o grupo onde está Podemos, pide unha nova comparecencia de Puigdemont. Mentres, PP e PSC animan a Puigdemont a aproveitar a suspensión para dar marcha atrás.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/10/2017