CRTVG

Buscar

O TC declara inconstitucional o peche das Cortes ao comezo da pandemia

Publicado o 05/10/2021 13:21

O pleno do Tribunal Constitucional concluíu que a decisión da Mesa do Congreso -cos votos de PSOE e Unidas Podemos- de pechar e 'parar o reloxo' das Cortes Xerais foi inconstitucional. 

O tribunal de garantías acordouno por seis votos a favor e catro en contra, dando así a razón ao recurso de amparo interposto por Vox.   

O 19 de marzo de 2020, tras as primeiras restricións pola pandemia, a Mesa do Congreso aprobou conxelar os prazos das iniciativas, o que implicaba deixar en suspenso as respostas do Goberno ou a presentación de emendas aos proxectos e proposicións de lei.   

Na resolución de admisión a trámite, o tribunal de garantías explicou que neste recurso concorría unha especial transcendencia constitucional porque expuña un problema e afectaba unha faceta dun dereito fundamental sobre o que non hai doutrina deste órgano.   

Así mesmo, apuntou que a impugnación exposta por Vox transcendía do caso concreto ao expor unha cuestión xurídica relevante e xeraba repercusión social ou económica e porque podía ter unhas consecuencias políticas xerais.

Batet lembra que se suspendeu actividade por criterios sanitarios

A presidenta do Congreso, Meritxell Batet, lembrou que o Congreso acordou suspender parte da súa actividade durante dezaoito días en cumprimento das instrucións das autoridades sanitarias nunha situación de pandemia e despois de que Vox o pedise ante a corentena de varios deputados do partido.

Batet, sinalou nun comunicado que o acordo se adoptou "uns días despois de que outros órganos constitucionais, entre eles o propio Tribunal Constitucional, tomasen decisións similares".

Asegura esta nota que a Cámara continuou tramitando todas as iniciativas parlamentarias, con especial atención ás relacionadas coa declaración e prórroga do estado de alarma, as comparecencias do Goberno e a validación de Decretos-leis.

A secretaria xeral de Vox, Macarena Olona, pediu a dimisión da presidenta do Congreso, estimando que Batet "cerrou e secuestrou" o Congreso nesas datas.

Noticias web

05/10/2021