CRTVG

Buscar

O sur de Ourense alcanzará os 37 graos, nunha xornada con quince comunidades en alerta por calor

Publicado o 13/08/2021 09:18

Quince comunidades atópanse este venres en alerta por altas temperaturas, unha delas en risco extremo, Andalucía, con máximas de 46 graos, informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet). Nove das quince comunidades autónomas en alerta atópanse en risco importante (laranxa) Aragón, as illas Baleares, Castela e León, Castela-A Mancha, Cataluña, Estremadura, Comunidade de Madrid, Murcia e Comunidade Valenciana- por temperaturas que oscilarán entre os 36 e os 40 graos.

Doutra banda, cinco atópanse en nivel amarelo: Cantabria, Galicia, Navarra, A Rioxa e País Vasco, onde se esperan algúns intervalos de nubes baixas e temperaturas máximas de ata 36 graos. En Andalucía activouse a alerta vermella nas provincias de Córdoba, Xaén e Sevilla, por temperaturas máximas de ata 46 graos, sobre todo na campiña cordobesa e a metade oriental da comarca sevillana.

En Galicia, no sur de Ourense as temperaturas alcanzarán máximas de 37 graos. O sur das provincias de Lugo e Ourense continuará o sábado en aviso amarelo por altas temperaturas, xa que se volve prever que superen os 36 graos.

Máis de media España busca a maneira de refrescarse como sexa para afrontar unhas temperaturas que polo día pasan do 40 graos e pola noite non baixan dos 25 ou máis. En Xaén esta noite pasada estiveron sempre por riba dos 30 e en Córdoba contan chegar hoxe aos 46. Nas áreas litorais do sur ou na costa de Levante e Cataluña os valores son algo máis baixos, pero a humidade fai que o ambiente sexa tamén moi abafante.

No interior peninsular a calor pega duro, arredor dos 40 graos, pero tampouco se libran de valores extremos en zonas do norte coma Navarra, onde ata para facer turismo hai que tomar medidas. "Intentamos buscar as horas de menos calor, ir pola sombra ous facer paradas", di un guía do Castelo de Olite. 

No Bioparc de Valencia para coidar aos animais, danlles a comida conxelada e creanlles áreas de refresco. "Temos recintos onde simulamos chuvia", di unha responsable do Bioparc.

Todos os que vivan nas zonas afectadas pola vaga de calor, incluidas as illas Baleares e as Canarias terán que prepararse porque mañá a calor irá a máis. A partir do domingo prevese que xa irá indo a menos, pero aínda así no sur as temperaturas non volverán a uns valores habituais ata o martes da semana que ven. O único fresco de verdade seguirá estando no litoral cantábrico.

 

Noticias web

13/08/2021