O sur da Coruña e o interior de Pontevedra, as zonas máis chuviosas de España no ano hidrolóxico que remata
Hoxe Fornelos de Montes despide o ano hidrolóxico con sol, pero iso aquí non é o habitual. "Case todos os anos empeza en novembro e ata finais de xuño día si, día non, chuvia". "Este ano chegoulle ben". "Eu levo aquí 2 anos e nunca vir chover tanto como aquí, un día afogamos", comentan os veciños.
Segundo un informe elaborado por AEMET, este ano hidrolóxico, que comezou o pasado 1 de outubro, foi un 4 % máis seco en xeral en toda España. A excepción está en Galicia que choveu un 10 % máis. A provincia da Coruña e o interior da de Pontevedra foron as máis chuviosas de todo o país.
"E dentro desas zonas, as máis elevadas, onde máis chuvias collemos en toda a rede foi na estación de Muralla en Lousame que é unha estación que está a 600 metros de altitude, despois teriamos Fornelos, esas dúas colleron máis de 3.000 litros por metro cadrado e a terceira sería o monte Xesteiras en Cuntis, tamén rozando eses 3.000 litros por metro cadrado", informa Xoán Taboada, coordinador de Meteogalicia.
E aínda que chova moito, pouco importa ás veciñas de Fornelos porque viven no mellor sitio do mundo.
"O mellor sitio do mundo, sen dúbida, iso que quede claro na Televisión de Galicia", apuntan unhas veciñas.